Galicia e os galegos na poesía castelá XXXII. José Bergamín

bergaminRomán Arén. Que ser tan extraordinario e contraditorio foi Bergamín (1895-1983)! Católico fervente, aliando dos comunistas na guerra civil, atribúeselle a famosa frase “cos comunistas ata a morte; nin un paso máis”. Ao final da súa vida, morreu en Donosti, foi partidario de Herri Batasuna. É, probablemente, o autor dos mellores aforismos do castelán, que logo foi moi imitado, a partir de El cohete y la estrella (1923), aínda lembro abraiado o primeiro libro seu que lin, El clavo ardiendo; creo que, con Juan Larrea, ese gran poeta español en francés, foi o membro máis orixinal da Xeración do 27. A súa revista <Cruz y Raya> (1933-1936), fundamental na cultura republicana, logrou unir comunistas e falanxistas. Foi tamén interesante dramaturgo (Enemigo que huye, 1927), creador da editorial Séneca no exilio e moi bo poeta, a súa actividade menos coñecida, que cultivou, sobre todo, nos anos finais.

Era fillo dun ministro de Afonso XIII, irmán dun gran arquitecto, Rafael, e cuñado de outro, Carlos Arniches, pois casara coa filla do famoso sainetista. Amigo de Falla, autor de libretos de ballet (Don Sindo de Almería), de Alberti, foi coa República Director Xeral de Acción Social Agraria e o principal impulsor da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura. A súa vinculación con Galicia veulle por publicar na revista <Alfar> e pola amizade con Lorenzo Varela, a quen dedicou o soneto “A Lorenzo Varela, poeta galaico, inolvidable amigo”:

¡Qué inútil esperar desesperante!/¿Esperar qué? Si la esperanza es vana./Hoy es ayer y ayer será mañana./Volver atrás es ir hacia delante./Todo pende y depende del instante:/del momento fugaz en que se gana/y se pierde, sin fin, la vida humana/por ser esa huida temporal constante./Lo que dejó de ser sin haber sido/volverá a ser como si no lo fuera/dándose en lo ganado por perdido./Y en tan veloz como mortal carrera/morir es desvivir lo no vivido:/vivir desesperar lo que se espera.

O poema figura no volume Poesía de Lorenzo Varela, publicado á morte do autor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *