Duelo de malestares e sosegos

posturaX. Ricardo Losada. Nun artigo anterior falei dunha idea de Schopenhauer que sempre me pareceu profunda: a felicidade e o pracer non son máis que o sosego dun malestar. Non bebemos porque nos guste o viño senón para evitar a desagradable sensación de ter sede. Como me pasa moitas veces cando publico algo, un amigo lector preguntoume, en público e diante da muller (cabrón! Eu sempre sospeitara que estaba namorado dela), se esa sofisticada teoría dun dos filósofos máis misóxinos da historia, tamén se podía aplicar ao sexo. Non dixo ao sexo coa túa muller, pero mirouna, supoño que para avisarme de que medise ben a miña resposta. Falar en abstracto era moi fácil, pero  diante de quen me sosegaba os malestares máis picantes era outra cousa.

     Contesteille o máis evidente. O sexo é como a bebida e a comida. Unha necesidade vital provocada por un malestar que a evolución creou para que non morrésemos. Proba evidente, continuei, é que non temos sede nin fame nin apetito sexual sempre que estamos diante dun estímulo apropiado, xa sexa unha boa bebida, unha boa comida ou unha boa muller. Sempre me sentín fortemente atraído pola miña muller, e sigo sentíndome, díxenlle, pero… (suspirei: estábame metendo en terreos pantanosos), pero…agora só o facemos cando coincide que os nosos malestares necesitan sosego. perra-inflable1_thumbMenos mal que a miña muller xa me coñece e mira estas filosofadas desde a distancia. O que ti digas, meu amor, dixo con desdén, e eu entendín o que había que entender: Total, hai anos que o teu malestar fálico e o meu malestar vaxinal non coinciden, e xa non creo que volvan coincidir. Aledeime de que se limitara a pensalo, pero o meu amigo non. Entendo, dixo, pero, se é así, como explicas que algunhas parellas soseguen ese malestar de forma rutineira e mecánica e alma de velocista (cabrón! Sabía que eu…), e outras con gran despregue de posturas e instrumental erótico e alma de maratoniano?

      Esa si era unha celada de difícil saída, pero como a presenza intimidatoria da muller, lonxe de acovardarme, inspírame, non tardei en atopar unha resposta. Normalmente, díxenlle, a xente cre que o mellor marido é aquel que sofistica o sexo con complicadas posturas e instrumental variado, pero é ao contrario. Os mellores maridos son, sen dúbida, os exaculadores precoces. Teñen unha vida cun índice de malestar moi baixo e, polo tanto, como os malestares biolóxicos se satisfan axiña (pensade nos cans), necesitan moi pouco sosego sexual. postura 2Os que sofistican moito o sexo (o meu amigo gabábase de ser un amante excepcional) é porque teñen unha vida de continuo e criminal malestar, e fanse adictos ao que sexa en todas as súas variantes. Como nin así conseguín sosegar totalmente o malestar que me provocara a pregunta mal intencionada do meu amigo, optei por un ataque persoal. Cando a túa muller o fai contigo desas formas tan elaboradas, e das que tanto presumes, espeteille, non o fai con Eduardo Castro González, faino cun can que quere esquecer que é un can, e cando ti o fas con ela, non o fas con María Pensado Dourado, falo, se ela é coma ti, cunha cadela que quere esquecer que é unha cadela, e, se non é coma ti pero non lle queda outra que aturarte, cunha desas nécoras ou botellas de whisky que tanto che gustan. E, por riba, con alma de maratoniano. Hai que ser cabrón.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *