Pasos

pasosCarlos Mosteiro. A onde vai? É un misterio. Nada sabemos da enerxía, da ledicia, do impulso primario e primeiro que iniciou este andar, o que impulsou esta carreira. Ningunha información fidedigna sacamos dos pasos, nada da pedra da rúa, pasos e pedra son só as circunstancias do camiño. Nada nos di a sombra anónima que se proxecta no chan. Só un camiñante sen nome e sen biografía. Unha cidade. Quizais unha vila.

Pero hai algo, un lugar, unha persoa -que é potencia, posibilidade, chamada, impulso, espera- cara a onde se dirixen eses pasos que agora son tempo? Tempo, ese misterio que non sabemos resolver. Aí, nese tempo están todas as posibilidades, todos os conflitos. Mais iso o camiñante, posuído da euforia primixenia, inda non o sabe. Ignora o que pode atoparse ao dobrar a esquina. Pode dar con todas as derrotas, coa tristura, coa dor, ou inda peor, coa certeza da inutilidade de todo movemento, de toda empresa humana, de todo acto; pode golpearse co que é seguro e xa non ten volta, coa perda. «Só hai un camiño, o que houbo sempre. O creador de verdade ten que ter a forza de vivir en solitario e mirar dentro de si. Non hai pegadas que seguir, o camiño ten que facelo cada un, ou desandalo tenaz e ledamente, cortando a sombra do monte e os arbustos ananos que impiden o avance».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *