Xudas, de Amos Oz

amos oz 1Xerardo AgraFoxo. Shmuel Ash, un mozo abandonado pola súa noiva, Yardena, e obrigado a deixar os estudos universitarios tras a ruína dos pais, acepta, a cambio dun cuarto e tres xantares, conversar cinco horas diarias cun vello erudito, Gershom Wald, que vive recluído –nunha casa da Cidade Vella de Xerusalén– coa soa compañía de Atalia, unha atractiva e enigmática muller que, dende o primeiro encontro, lle advirte dos perigos que espreitan o seu traballo na calella de Rabbi Elbaz. Entre estes tres personaxes aparecen –naquel inverno de 1959– dúas pantasmas: Shalatiel Abravanel, pai de Atalia, un político que denunciou a creación do Estado de Israel os árabes viven día tras día a traxedia da súa derrota e os xudeus viven noite tras noite o terror da vinganza– e morreu amargado; e Mija, fillo de Wald e home de Atalia, abatido polos palestinos durante unha acción militar.

Con estes alicerces, Amos Oz (1939) volve á época d´Unha historia de amor e escuridade e constrúe unha obra onde se reflexiona sobre a figura do intelectual que, acosado polos sectores máis reaccionarios da súa sociedade, é sinalado coma un traidor. amos 2De aí o curioso título da novela, Xudas (2015), onde o autor tira da figura deste rico comerciante de Cairot, quen viu na inmolación do galileo, o sacrificio necesario  para que as súas ideas revolucionarias se espallasen, aínda que –malia ser o primeiro cristián, talvez o último cristián– sempre sexa considerado polos historiadores coma un traidor. A mesma acusación e desprezo que recibe Amos Oz cando nas súas intervencións públicas sempre rexeita a ocupación polo Exército israelí dos territorios palestinos.

Unha obra valente e comprometida, unha denuncia contra as guerras e unha novela extraordinaria!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *