A sociedade estabulada

estabulada1Francisco Ant. Vidal Blanco. Non sabía eu que ese can tan manso e cargado de anos que adormece na porta da eira dos pais dun amigo, foi un rebelde duramente castigado pola ditadura dos amos. O can era fillo dunha cadela que fora violada por un lobo (e a historia desta violación tamén é digna de ser contada algún día), pero criouse como un máis da casa, aínda que, xa fose polos xenes paternos ou pola súa propia natureza, destacaba como o mellor vixiante da propiedade, tanto así, que habían de telo sempre atado porque se botaba a calquera visitante amosándolle os dentes.

Por mor da súa rebeldía, o pobre houbo de levar máis dunha malleira, pero o colmo da súa bravura mostrouse o día no que alguén da casa lle apartou un óso co que xogaba e lle mordeu a man. Ese día comprenderon que aquel non era digno de vivir en sociedade e decidiron devolvelo ó monte, mandalo ó exilio, expulsalo do mundo civilizado por querer ser dono do seu, porque non llo quitasen; e subírono a un coche para levalo ata un lugar apartado nun día de chuvia, para que a auga borrase todo rastro, e deixárono abandonado. Pero ó cabo de sete días, o can aí o estaba, fraco e manso na porta da casa, laiando un perdón. Desde ese día o can non lle volveu bourar nin trincar a ninguén, porque como dicía o pai do meu amigo, aprendeu o que lle conviña, que alí non lle ía faltar nunca unha tallada de carne por pequena que fose nin un abrigo para durmir enxoito.

Segundo Xulio, a domesticación dos animais non foi un acto humano senón de propia e comenenciuda submisión animal, avíndose a sacrificar a súa liberdade pola seguridade dun prato de comida e un teito para acubillarse, facendo propia aquela premisa do catecismo que dos mansos será o reino dos ceos.

E se algunha premisa me molesta, porque ten máis de frase caloteira ca de norma de convivencia, é esa benaventuranza, porque daquela, se a tal fose certa, no ceo non poderían estar nin Paulo de Tarso, nin María Magdalena, nin Agostiño de Hipona, que de mansos non tiñan nada.

Sempre houbo unha preocupación esaxerada por demostrarnos que os caladiños son os bos e os que reclaman os seus dereitos, os que piden o que en lei lles corresponde son os malos, e contra as voces que reclaman pan, traballo e liberdade foron inventadas todas as leis restritivas e represivas desde que o mundo é mundo, xustificando o castigo como un ben social e persoal para quen o recibe e profiláctico para a sociedade que o ve. E con el naceron os favoritismos, como espello e exemplo de que os dóciles sempre saen beneficiados, pero tamén naceron as discriminacións, que nunca son positivas, naceron os exiliados sociais e os crebafolgas da indecencia, co único afán de demostrar quen é superior, quen manda e quen non.

Cando estiven estes días na casa dos pais do meu amigo, sentei fronte ó cadelo, atado e deitado a carón da súa caseta, cun óso carnoso, tirado a un lado e sen portar por el, deixando que a xente entre e saia da casa sen molestarse, cos ollos máis tristes que nunca vin en ningún animal, pero por mor desa fama pasada, non me atrevín a facerlle unhas festas na caluga, nin se me quitaba da cabeza unha pregunta do amigo Xulio: ¿Que é unha sociedade estabulada?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *