No centenario de Verhaeren

vera2Román Arén. Vai ser 2016 un ano de grandes celebracións literarias: os centenarios da morte de Shakespeare e Cervantes provocarán conferencias, libros, exposicións e algunhas bobadas. Se hai sorte, quizais atraian novos lectores. A estes fastos sumaranse os centenarios de Camilo José Cela e o inca Garcilaso, máis os cento cincuenta anos do nacemento de Valle-Inclán. Pero como o mellor que ten a literatura, como a vida, é a súa variedade, que nos permite ter moitas almas lectoras, unir inimigos, casar antíteses, dar chimpos abraiantes no tempo, eu elixo un nome hoxe “menor”, pero grande na súa época, admirado en Europa, gabado por Stefan Zweig, un dos nomes chave do Simbolismo: Émile Verhaeren, que falecía atropelado por un tren na estación de Rouen en 1916. Nacera en 1855 en Saint-Amand, perto de Amberes e foi un dos fundadores de <La jeune Belgique>, revista moi importante no simbolismo e para o dominio do francés como lingua literaria dominante en Bélxica, en detrimento do flamenco. Pero moita da mellor literatura simbolista belga foi escrita en francés por autores que tiñan o flamenco (holandés) por lingua materna: Verhaeren, Rodenbach, Gilkin, Van Lerberghe, Max Elskamp, Maeterlinck, Le Roy, Mockel…

En España Émile Verhaeren foi e é coñecido, sobre todo, polo seu libro España Negra (1899), escrito a medias con Dario de Regoyos. Pero foi o gran cantor do mundo flamenco en francés, en obras como Les Villages illusoires (1895) e Toute la Flandre (1904), aínda que tamén é moi aprezado o seu poemario Les Flam beaux noirs (1890); o ano da súa morte apareceu Les ailes rouges de la guerre.

vera3Autor de moi ampla obra poética, que tivo o seu primeiro título importante en 1883 con Les flamandes, foi tamén autor de relatos, Contes de minuit (1885), xornalista, crítico de arte (Rubens, 1910; Rembrandt, 1905), dramaturgo (Le cloître, 1900, Hélène de Sparte, 1912), crítico literario, logrou un amplo eco crítico en Europa entre 1890 e 1930. En España foron varios os críticos que se ocuparon da súa poesía (Núñez de Arenas, A. Plana…), mais tamén foi admirado en Galicia, onde Ramón Villar Ponte fixo a súa necrolóxica en <A Nosa Terra> (nº 4, 15-12-1916) en “Lembrando a Verhaeren”, na que destaca o seu amor por Bélxica, vencellando o tráxico accidente que rematou coa súa vida coa traxedia que estaba a sufrir Bélxica na Gran Guerra.

Viaxou moito por Europa e viviu un tempo en Londres, cidade á que dedicou varios poemas (“e eses peiraos infinitos con farois fatais,/ parcas cuxos fusos chegan á profundidade,/ e mariñeiros afogados, baixo pétalos de flores/ de lama cunha chama que emite lóstregos”).

iverhae001p1Verhaeren tivo, cando menos, dous ilustres tradutores en galego: Ramón Cabanillas, quen puxo na nosa lingua “A agunía do monxe”, que logo compilou en Versos de alleas terras e de tempos idos (1955) e Manuel Antonio, que traduciu “Os errrantes” (reproducido por Axeitos na Obra Completa en 2012, xunto coa prosa do rianxeiro).

Nese volume de 2012 o apartado das traducións estivo a cargo de Ricardo Axeitos e esa é a edición que reproduzo:

El é así de pobres corazóns/ con eles d’os lagos de pranto,/ que son pálidos coma as pedras/ d’un campo-santo.// El é así de pobres carrelos/ mais pesados de coitas de cárregas/ que os teitos d’as chouzas pardas/ n-o meio d’a duna.// El é así de pobres mans/ coma follas encol d’os camiños/ coma follas amarelas e mortas/ diante d’a porta…

A tradución quizais é de 1922 e consta doutras dúas estrofas. O poema foille remitido en francés por Álvaro Cebreiro nunha carta do 22 de abril dese ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *