Clasificacións

arauxoGonzalo Trasbach. (A Emilio Araúxo) Confeso que fixen a travesía do vello almanaque ao novo envolto nunha brétema inquietante: adiviñaba unha arribada ao porto da depresión arrastrado por un turbio vento que se levantou mirando as táboas clasificatorias, realizadas por críticos de renome e prestixio, dos mellores libros, discos e ata dos mortos máis afamados do pasado 2015, e que se publicaron nos periódicos e mesmo en revistas especializadas. Estiven a punto de caer na espesa malla do desánimo, de sentirme un perfecto estúpido, ao comprobar que, por exemplo, non tiña lido ningún dos considerados mellores 15 ou 20 libros do ano anterior. E non só iso, senón que mesmo descoñecía o nome da maioría dos autores que figuraban nas distintas listas que consultei, que, aínda que variaban nas posicións, eran practicamente os mesmos, agás unhas cantas excepcións. Que pouco ao día andaba en cuestións de literatura. Sentinme afundido. E entón Leopardi veu no meu auxilio: “La moda es la madre de la muerte”.

E así estreei o novo calendario. Remexín no limo da memoria para lembrarme dalgunhas lecturas que fixen no 2015. Seguía enfurruñado co noso afán de clasificalo todo, aínda que non se pode facer dun xeito rigoroso. Entón, o 3 de xaneiro, apareceu nesta web “Gardiáns do templo”, unha estupenda e fonda reflexión de Carlos Mosteiro na que, partindo dunha entrevista do Diario de Pontevedra con Pedro Feijoo, afirmaba que entre a alta literatura ou cultura (elitista?) e a mediocre (“lixo” di el) hai un espazo intermedio onde poden traballar autores e autoras de voz digna e honesta, aínda que non estean tocadas pola aura de Genius.

balbinaEfectivamente. Non todos podemos estar na cúspide nin sequera é posíbel surfear sempre sobre a onda da excelencia (alta cultura), coma tampouco podemos quedar parados demasiado tempo contemplando a lava do volcán, senón queremos quedar cegos. Ás veces semella necesario descansar dese “suar da alma” que esixe a excelencia artística e máis se nós non o somos. Neste senso, é preciso tamén atender a outras obras de menor calado, pero valiosas, dignas e honradas. Mesmo descender sen vergoña, aínda que só sexa de vez en cando, á literatura ou ao cine de evasión, que hainos tamén de calidade. Isto permíteme reivindicar a lectura da cuarta entrega da saga Millennium. Si, esa que se titula Lo que no te mata te hace más fuerte, e que traguei dun só bocado. Sentoume moi ben.

Dende aí remonteime ata algunhas das xoias que lin o pasado ano: A nuestros amigos, del Comité Invisible; El Stablishment, de Owen Jones; Un séptimo hombre, de John Berger; El aroma del tiempo y La salvación de lo bello, de Byung-Chul Han; La Ciudad de las desapariciones, de Ian Sinclair; Cráter, de Olga Novo; Celebración, de Gonzalo Hermo; Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro; El humo del diablo, de Fernando Salgado; Pontes co diaño, de Ignacio Castro… Rematei o 2015 e inaugurei o 2016 a cabalo de dos libros dun gran descoñecido, pero un home tan bo coma singular: Emilio Araúxo, o infatigábel e clandestino militante da cultura galega. Até onde un sabe, poucos –talvez só Uxío Novoneyra, a quen lle fixo unha longa entrevista que recolleu no volume Dos soños teimosos, que el mesmo publicou en Noitarenga- coma o escritor, editor, fotógrafo e divulgador nacido en Coles (1946) berrou, lamentou, sufriu e laiouse pola Shoá que se practicou co mundo labrego.

arauxo3A roupa gastabámola escura, que el mesmo chama o libro dos espantallos, consiste nunha máxica e fermosa colección de fotografías sobres os máis variados deses bonecos que se poñían nas árbores e nas leiras para afastar os paxaros. Representan un mundo no que embocan os vivos e os mortos, o masculino e o feminino, o agro e a cidade, o sagrado e o profano. Pola súa banda, Balbina é un relato en voz viva dunha galega que viviu a Guerra Civil, loitou contra do nazismo en Francia e andou coa revolución cubana. Araúxo di que se trata dun libro de <optimismo do imposible>. Ambos volumes están publicados en Toxosoutos. Rememorando a Borges, digo tamén sobre a miña lista: outros pódense xactar das páxinas que escriben, mais eu só me sinto orgulloso das que leo.

Un comentario en “Clasificacións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *