Na morte de Michel Tournier

venresMiguel Mariño. Faleceu nestes días Michel Tournier, unha das grandes figuras da literatura francesa, morte que tivo pouco eco nos pobres medios xornalísticos que temos a desgraza de subvencionar. Importante como tradutor, comezou a publicar obras literarias propias cando xa pasaba dos corenta anos, pero axiña acadou lectores e prestixios nunha literatura que viña das novidades, ás veces complexas, do Nouveau Roman e que se sentiu máis cómoda na escrita mítica de Tournier. Gran Premio da Academia Francesa coa novela Venres ou os limbos do Pacífico (1967), que logo adaptou para mozos co título Venres ou a vida salvaxe, que traduciu moi ben ao galego Gustavo Luca de Tena para a colección Xabarín de Xerais (1987), reeditada por vez primeira en 1993 e que agora circula de novo. Unha forma de facer claro o máis sutil dentro dunha liña clásica. Foi libro que leron moitos dos meus alumnos de terceiro de ESO cando a madurez lectora era maior que agora. Tras esta obra virían O rei dos bidos, Premio Goncourt en 1970, en 1975 O meteoros e en 1977 O vento paracleto, unha reflexión metaliteraria sobre a súa propia obra e unha evocación de Monsieur Teste, de Valéry. O dereito á reescrita e á parodia, á revisión dos mitos e as lendas. Magníficos tamén os contos para rapaces: O urogalo (1978), Angus (1988), O medianoite namorado (1989), ou Melchor, Gaspar e Baltasar (1980). Intertextualidade, polifonía, alquimia de imaxes, xogo coa literatura, multiplicidade de rexistros conforman unha obra literaria personalísima, o equivalente francés, máis clásico, do italiano Calvino ou do noso Cunqueiro. Pero, a éxtase do Absoluto xoga en Tournier tamén co paradoxo e a perversidade.

urogaloTournier era, profesionalmente, un antropólogo, un filósofo, un xermanista e un fotógrafo que mesmo fixo programas de televisión. A curiosidade universal.

Artista, pero tamén artesán, o autor de Xil e Xoana, coida moito as súas obras, produtos dunha lenta elaboración. Os seus mitos miran o futuro máis có pasado. Gustaba das novelas de aventuras e a literatura de Maurice Genevoix, o autor da magnífica A Atlántida.

En galego dispoñemos, ademais de Venres ou a vida salvaxe, das traducións d’Os Reis Magos, unha tradución de María Sánchez e Modesto García (1983), con introdución de Valentín Arias e d’Urogalo, en tradución de Xosé Carneiro (1988).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *