Non dou sosegado

recreoX. Ricardo Losada. Estame dando moito xogo esa idea de Schopenhauer de que a felicidade e o pracer non son máis que o sosego dun malestar. Xa escribín dous artigos en Café Barbantia. No que me interesa agora dicía que Schopenhauer convenceu os meus alumnos de que non disfrutan o recreo en si mesmo senón para sosegar o malestar que lles provocan as clases. E que foi así como se decataron con espanto que estaban dilapidando as mellores horas dos mellores días dos mellores anos da súa vida con algo que realmente non os satisfacía.

     Ao pouco de publicalo, tiven unha conversa cun amigo sobre un libro branco da educación que estaba escribindo para o Ministerio o filósofo José Antonio Marina, no que defende a necesidade de avaliar o profesorado. Creou unha gran polémica no país e no sistema educativo sobre se era necesario e, se o era, en que consistiría esa avaliación. Non tiven ningunha dúbida. Eu avaliaría a cada profesor facéndolle unha única pregunta: Dá vostede clase para sosegar un malestar (non pasar fame, poño por caso) ou considérao un pracer en si mesmo? A quen respondese un pracer en si mesmo, avaliaríao positivamente. recreo2A quen respondese o sosego dun malestar, faríalle unha segunda pregunta: Converteuse ese sosego nun malestar aínda peor que só se pode curar (se os netos están criados e os fillos ben colocados) co sosego da xubilación? Pero axiña descartei, por retórica, esa segunda pregunta: só admitía o si.

     A cousa non quedou aí. Aquel amigo era un dos moitos compañeiros profesores que se estaban xubilando ultimamente con 60 anos. E o que era peor, con toda a saúde do mundo. Digo peor para min, por suposto, polo enorme malestar en forma de envexa que me provoca velos tan cheos de vida e con todas as horas do día para eles. Así que, para sosegarme (maldito Schopenhauer!), tiven un desexo irresistible de incomodar a aquel amigo. Conteille o que me pasara cos alumnos e o recreo, e pregunteille se a súa xubilación non sería como o recreo dos alumnos. Ía disfrutala en si mesma ou por que non traballaría?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *