Galicia Bilingüe e as Illas Feroe

feroe2Miguel Mariño. Leva moito tempo en silencio Galicia Bilingüe, quizais porque xa logrou os seus obxectivos principais: un decreto humillante para o ensino da lingua galega e o maior dano posible para o idioma. Cando estabamos de cheo no debate, os partidarios do español non se cansaban de argumentar que o sistema que procuraba o decreto do ensino do galego bipartito só se daba nas illas Feroe. Ademais de mentir, pois ignoraban aposta o caso catalán ou o caso belga, falaba de tal xeito das illas Feroe que moitos podían chegar a pensar que se trataba dunhas illas en Oceanía habitadas por analfabetos caníbales ou de furiosos fascistas “boers” que practicaban a segregación racial. Mais non, as illas Feroe están no Atlántico, máis ou menos a medio camiño entre Noruega, Islandia e Escocia. Estas dezaoito illas, habitadas por preto de cincuenta mil habitantes, son europeas e ben desenvolvidas. Gozan da primeira autonomía de Europa, dende 1948, concedida por Dinamarca, pero, iso si, tras un referendo de 1946 que gañaron os independentistas, mais o rei disolveu o parlamento feroés e negociouse outro referendo, que gañaron os unionistas. Teñen bandeira propia, lingua propia (aínda que o danés segue presente), literatura propia e, por un solto recente da prensa, a chegada da independencia está cerca. Sexa o que for politicamente, a lingua feroesa é a principal do arquipélago e os feroeses nin son caníbales nin uns ignorantes.

feroe1A cultura feroense ata o século XIX foi sobre todo oral, cunha característica: a literatura laica estaba en feroés, mentres a cultura relixiosa estaba en danés tras a Reforma protestante. En feroés predominaban as baladas, as lendas e os contos e a súa saga máis famosa é Sjúrdar kvaldini, impresa en 1822 e que foi o primeiro libro editado en feroés. Xa no século XX se imprimen as baladas, Foroya Kvaedi, aínda que a lingua xa fora estandarizada en 1846 por V. Hammershaimb e a poesía colleu forza dende 1876. Pero foi no século XX cando colleu o pulo definitivo o feroés, co poemario Yrkingar en 1914 e coa primeira novela en 1909. Nos anos trinta e corenta contaron con tres grandes autores: Heinesen, Brú e Joensen, que amosaron o paso dunha sociedade agrícola á moderna sociedade pesqueira.

Jens Pauli Heinesen
Jens Pauli Heinesen

En poesía chegou a modernidade absoluta con Lýft lot (1963, Cálida bris) e moitos dos seus poetas buscan unha lingua feroesa moi pura cunha lírica introspectiva, pero hai tamén líricos importantes como Patursson que se basean na lingua falada, sen medo aos préstamos daneses ou ingleses. O seu novelista máis importante é Jens Pauli Heinesen, sen esquecer nomes como os de Jóhan Jensen, Tóroddur Poulsen e Gunnar Hoydal. O lírico máis purista e Jensesn, que mesmo buscou as raíces nórdicas do feroés.

Tanto a música coma as artes plásticas teñen un gran desenvolvemento dende 1940, e a asociación de músicos contaba con máis de cen membros a principios do novo século.

Só con isto queda claro que nas Feroe non hai nin caníbales nin brutos analfabetos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *