Moito (pos)conto

vanguardiaX. Ricardo Losada. Nun artigo recente, Postcuento, Eloy Tizón afirma que vivimos na época do posconto: os criterios cos que se escribían os relatos ata agora xa non serven. Nada de plantexamento, nó e desenlace. Nada de conflitos fortes, personaxes sólidos e psicoloxicamente coherentes. Nada de relacións causa-efecto e finais sorprendentes. “Ya no tiene sentido la vieja aspiración de producir cuentos perfectos, manicurados y esféricos, en los que nada sobra y nada falta”. Os novos contos deben ser “excesivos, desabrochados y con algo de febrícula”, e desafiar, incumprir e subverter conscientemente as normas clásicas pois os contos de toda a vida son insatisfactorios, cando non inoperantes e obsoletos, para narrar e narrarnos desde o momento presente.

 JAMES JOYCE.qxd    Acabo de publicar unha biografía de Faustino Rey Romero, un crego labrego educado nun seminario na posguerra española, e podo dicir que a súa concepción da literatura é bastante máis moderna que a de Eloy Tizón. Don Faustino non entendía por que se rexeitaba o soneto como recurso formal no século XX. Valoraba que se buscasen novas formas de expresión poética (a el encantáballe Manuel Antonio), pero cría que o único que validaba unha obra artística era a honestidade intelectual, o dominio do oficio e ese talento, tan difícil de precisar, que rexeita as modas. A forma está ao servizo desas calidades e o escritor e lector escollen (faltaría máis!) libremente. Lendo a don Faustino comprendín que sería posible que tipos como Eloy Tizón gozasen un soneto pensando que era do século XVI e en canto lle dixesen que o escribira un autor do século XXI, rexeitaríano. E todo porque Tizón é outro deses escritores que cre que a literatura diálogo coa historia da literatura, e non coa vida.     

      Pero non é o único erro que Tizón comete. Tamén sostén que “necesitamos nuevos paradigmas de escritura artística, acordes con la relatividad de este mundo fluctuante de certidumbres líquidas y Colisionador de Hadrones”.  Supoño que lle parecerá unha idea moi nova pero xa foi defendida a comezos do século XX co impacto da teoría da relatividade e a mecánica cuántica, e que hoxe consideramos un simple prexuízo, como demostra que se lea máis a Stefan Zweig que a James Joyce, sen que a ninguén con criterio literario se lle ocorra dicir que é un retroceso, pois calquera persoa con sentido común sabe que Cervantes explica mellor o ser humano actual que a xeración Nocilla: como mínimo, o 99% da poboación mundial ten uns recursos intelectuais e emotivos máis parecidos aos do primeiro cromañón que aos do Einstein relativista. Agás, por suposto, para o omnisciente, ubicuo e todopoderoso profeta Tizón, que, obsesionado con designar un pobo literario escollido á xudaica, considera os lectores clásicos inferiores aos lectores de postcontos pois “aún no son de todo conscientes o prefieren cerrar los ojos y mantenerse ignorantes, anclados en la inercia. Allá ellos”. catecTantos anos de estudo e reflexión para chegar a esta conclusión: BOA LITERATURA É AQUELA QUE EU, ELOY TIZÓN, CONSIDERO BOA LITERATURA. Pois nada, padre Eloy, pídoche desculpas, pero eu seguirei lendo e gozando os contos sen necesidade dese discurso teórico de altura que ti consideras imprescindible para “cartografiar, debatir, sopesar este nuevo fenómeno que se anuncia irreversible”. As vangardas chamábanlles a eses discursos manifestos pero eu, que fun educado no nacionalcatolicismo, prefiro chamalos polo seu nome: catecismos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *