Que perdure este mundo! A poesía de Yves Bonnefoy

tablas curvasMiguel Mariño. “Que perdure este mundo, malia a morte! Cinguida sobre a ponla a oliva gris”. Así remata un dos poemas de Les planches courbes (As táboas curvas) do poeta francés Yves Bonnefoy (Tours, 1923), do que dispoñemos en versión bilingüe de Jesús Munárriz (en francés-español) para a editorial Hiperión (2003), na que xa se publicara Principio e fin da neve. Versión moi lograda, mais non literal.Cando a Academia Sueca concedeu o premio Nóbel a Le Clèzio ou a Modiano, dous bos autores, foron moitos os que pensaron que tería sido máis axeitado premiar en francés a Michel Tournier, recentemente falecido, ou mellor aínda a Bonnefoy, o peta vivo máis importante de Francia despois de Pierre-Jean Jouve, sen desprezar a obra de Pierre Emmanuel.

Unha poesía, a de Bonnefoy, que comezou en 1946 co Tratado do pianista, pero que ergueu o voo en 1953 co Do movemento e a inmobilidade de Douve, continuada con Onte reinando deserto (1958) e Pedra escrita (1965), que amosaban xa unha das características do autor: a dramatización dos conflitos a través dunha linguaxe harmónica na procura de comuñón coa vida, co existente. As abstraccións máis difíciles comunícansenos con sinxeleza e ritmo, sinxeleza grave e profunda.

Logo virían dous grandes libros, Un soño en Mantua (1967) e Roma, 1630 (1970), reflexións e análises teóricas dun autor que se preocupa pola poética moderna. Antes editara O improbable (1959), Os sepulcros de Ravena (1953) e A segunda sinxeleza (1961), nos que xa están a súa ausencia de retórica discursiva. Nada é accesorio na súa poética e por iso son parte da súa cosmovisión as traducións de Shakespeare ou o seu ensaio Artur Rimbaud (1961), a vida liberada de impinxidelas morais. A súa obra continuará con Anti-Platón (1962), No engano da soleira (1975) e nos “relatos” de Rúa Travesa (1977): a busca do non-ser por oposición do que existe, na procura dun punto de encontro. Sensualidade orientada cara ás “harmonías” naturais, os peares ígneos, non continxentes.

yvesO valor da morte, os elementos culturais (esfinxe), os símbolos, os materiais básicos, o valor da palabra e do desexo conforman unha potente poesía.

Lingua depurada, imaxes dinámicas, antíteses entre inmobilidade e movemento, o desexo de superar os límites co prestixio da palabra, que fai esquecer a morte, a desposesión forman unha poética para acadar a contradición do lóstrego, da noite dos homes. Pero, ao mesmo tempo, a busca de achados transparentes que poida chimpar o muro dos mortos: “así ata a morte, cos rostros reunidos/torpes xestos do corazón no corpo reencontrado”.

As táboas curvas, publicado en Francia en 2001, toma o título dunha das partes da obra, sinécdoque de barco, e este símbolo da vida, unha vida que debe pervivir a pesar da morte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *