Un autor costumista

Xenaro Mariñas González
Xenaro Mariñas González

Pastor Rodríguez. Xenaro Mariñas González naceu en Noia en 1868, pero foi bautizado en Porto do Son. Destacado xornalista, chegou a dirixir a revista La Coruña Risueña, mais cultivou o galego en prosa e verso. Non foi autor de gran importancia como poeta, pois non logrou superar os tópicos xa moi luídos cando publica, pero os seus poemas apareceron en A Tía Catuxa, El Eco de Galicia, Aires da Miña Terra e A Nosa Terra. Colaborou tamén en La Ilustración Gallega, Mondeñedo, Las Mariñas, e outros xornais. Residiu varios anos na cidade de Lleida, e produto da súa relación foi o poemario Lleidatanas, que está inédito. Moito maior interese ten a súa obra narrativa, publicada no amencer da nosa prosa do Rexurdimento. Dos seus relatos ocupouse Modesto Hermida en Narrativa Galega: tempo de Rexurdimento (1995), quen sinalou que acadou certo éxito na época, malia a escaseza dos seus relatos, dos que recensiona En busca dos cartos, conto premiado en Mondoñedo en 1895, que destaca polo seu humor. Cita tamén os titulados Cousas do demo, editado en A Tía Catuxa, en 1891, boa mestura entre costumismo e vivencia onírica; O vento, publicado en Aires da Miña Terra, e As fabas, que saíu en 1912 en La Ilustración Gallega. Sabemos por Carballo Calero que lle foi premiado o texto A moda nun certame celebrado en Betanzos e publicado en Las Mariñas.

Xenaro Mariñas González foi o pai do importante dramaturgo de posguerra Xenaro Mariñas del Valle (1908-1999), o autor de A revolta e outras farsas (1965), Ramo cativo (1990), e outras numerosas pezas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *