Cansaço

Image converted using ifftoanyFidel Vidal. Se ben o propio Pessoa defínese como un histérico, o certo é que sempre foi un obsesivo xenial obstinado en ser un histérico. Que dicir da neurastenia, da histeria, da despersonalización, que tanto lle preocupaban a Pessoa? A neurastenia defínese no discurso médico como un trastorno neurótico que se caracteriza por fatiga, cansaço, irritabilidade, depresión, insomnio, dificultade de concentración e anhedonia (falta de capacidade para o pracer). Velaquí o cansaço en Pessoa (Pessoa-Campos) como a quinta esencia da astenia:

            O que há em mim é sobretudo cansaço.

Não disto nem daquilo,

Nem sequer de tudo ou de nada:

Cansaço assim mesmo, ele mesmo.

Cansaço.

           (…)

Um supremíssimo cansaço,                

íssimo, íssimo, íssimo…

Cansaço…

E a abulia de Alberto Caeiro tampouco queda atrás:  Pouco me importa / Pouco me importa o qué? Nâo sei: pouco me importa.

Desde as primeiras achegas freudianas, as neuroses histéricas (histerus, útero) quedaron definitivamente des-xenitalizadas ao aceptar que as poden padecer tanto homes como mulleres, pero non des-erotizadas, se ben non debemos esquecer que a histeria, mesmo padecida por un home, seguirá sendo “feminina”.

cansanzo1As histerias clasifícanse en histerias de conversión (cos típicos ataques, e que Pessoa podería padecer no caso -segundo el mesmo nos explica- de ser muller), e histerias disociativas, onde son posibles fenómenos mentais como a dobre ou múltiple personalidade, ou mesmo episodios de despersonalización.

O feito de que Pessoa non padecese un cadro con toda a sintomatoloxía descrita máis arriba, non significa que non posúa trazos neuróticos ou unha personalidade neurótica ben acusada, tanto máis canto menos se lle note. Desconfiemos dos que andan pola vida de “normais”. Estas manifestacións, desde unha lectura analítica, provirán da imposibilidade, por parte do suxeito, de dar solución ao complexo de Edipo e evitar así a angustia de castración. Todo xira arredor do triángulo Nai-Fillo-Pai. “O meniño da súa nai” /  “A nai do seu meniño”. O Pai enfermo / o Pai morto / o Pai ausente. O outro Pai / o lugar do Pai / o lugar do outro Pai / a perda do Pai. Que significado ten a perda do pai –como aconteceu no caso de Pessoa- a unha idade temperá? Mais, unha vez morto o pai segue a ficar a súa lei, a Lei do Pai.

H. Deustch recoñece o papel central da perda na infancia, e tamén o mecanismo de defensa que, logo da perda, ademais da posibilidade de experimentar vivencias de tipo ambivalente, pode caer nunha ausencia de afectos. Mellor que ausencia preferimos dicir dificultade para sentir ou manifestar afectos, e profundas dúbidas sobre os mesmos.

 Tudo que amei, se é que amei, ignoro,

E é como a infância de outro. Já não sei

Se o choro, se supoño só que o choro,

Se o choro por supor que o chorei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *