A rotura das paisaxes, de Xesús Constela

roturaAntonio Piñeiro. Literatura fortísima dende as primeiras páxinas, A rotura das paisaxes é unha nova exquisitez entre as exquisiteces ás que nos ten afeitos Xesús Constela. O libro comeza con esa glosa de Toulouse-Lautrec: A paisaxe non debe servir senón como medio para facer comprender … a figura. (Pax.11), e a eterna reflexión de se as cousas existen independentemente de que as ollemos/pensemos ou non. Previamente, Xesús fai recurso tamén dunha chiscadela ao xeito de Marguerite Duras cando, antes de comezar Les yeux bleus cheveux noirs, ofrecía ao lector unha breve nota introdutoria, invitación ou cordial desafío á lectura. Ela facíao engadíndolle ao libro a folla solta que nos caía ao chan ao abrilo, saíndo da libraría, coma unha nota de cómplice agochado ou namorado, que nos causaba aquela sorpresa e embizcaba a nosa cobiza. Constela faino co parágrafo da páxina 9, antepoñendo admiración pola Rayuela de Cortazar, facendo ese mesmo uso expreso da proposta. Tamén o escenario -a praia, o paseo, o seu sentido- coincide con aquel da Duras en L`amour, no que eran tres os personaxes que se encontraban e falaban. Esta terceira presenza tamén aparece na novela de Xesús, á que os dous camiñantes fan referencia coma dun vixiante estraño, que os observase, que está aí durante todo o curso da lectura, confundíndose a medias entre a persoa que vai colocando os feixes de follas e outra que asiste ao seu ler, sendo parte principal do xogo literario ao que Constela nos convida e que -aínda que sei que neste caso mo perdoaría- non vou desvelar porque non quixera furtarlle ao lector as súas sensacións na intriga e no xogo.

Unha treboada colle de improviso a dous homes que conversan pola praia, tendo que se gorecer nun alpendre no que atopan un cartafol: Paisaxes de vinganza. Acompañámolos lendo, entón, a serie de delirantes situacións que contén (a floración microescultórica dunha tomateira; o veciño dun inmoble recibindo a chamada dun pretendido inspector ministerial que o está a vixiar por cámara nos intres previos a matalo; a do pianista que se inocula dentro das cabezas coma unha enfermidade terminal; a do anxo ao fresco, na cúpula do salón do Mariscal; ou o das plantas compinchadas coa terra que non quería ser cultivada, para eliminar o xardineiro). Co último dos relatos, o da pizza, os protagonistas estráñanse por ser idéntico a unha conversa que tiveran quince días antes eles dous (aí o primeiro elo do xogo).xesús2 Saen do alpendre. O seguinte tramo desenvólvese entre os refugallos que van atopando, coma nun escenario simbólico do caos ou do azar, e outro cartafol -De terra combusta- contendo o relato da misteriosa cadea de incendios que comezan co lume da catedral de Santa Ágata, en Catania, e do pesqueiro Vendaval. Nun terceiro cartafol atopan o proxecto de curtrametraxe Carne, cunha acción de papeles invertidos, localizada nun cemiterio de coches (aroma arrabaliano, de ingrediente surrealista, intuitivo, psíquico, tamén poético, que está en todo o libro) onde son eles, os coches, os que toman a palabra. Así ata cinco feixes contendo unha serie de episodios que se mesturan cos da propia conversa, nunha suma de relatos mínimos coma o do pequecho Gabriel (Paxs. 188 e 189), rapaz afectado un día pola fonda tristura debida a unha mancha no cerebro que os médicos extraen e analizan, cuxo sorprendente resultado nos dará outra boa pista do enfoque de Constela.

Son estes cartafoles atopados os que van guiando unha sorte de misterio ao longo do relato e os que, alén da incógnita explícita, serven de aglutinante á reflexión implícita. Ao ler, agardamos que se nos desvele nalgures, nese final clímax que imos intuíndo cada vez máis preto. Esa tensión está aí, certamente, pero a maxistral fasquía de Xesús Constela, o que fai é que, na ensamblaxe (o libro é tamén a colección de textos coherentes dunha carreira literaria de, polo menos, quince anos) vaiamos facéndonos inevitablemente as preguntas sobre as que pivota o tema principal.

A pauta é a dun guión teatral. Parénteses escénicos e diálogos alternos na lectura visualizable do enfoque de Constela: o protagonismo da mudaxe, coma a area, o lume, os refugallos, a decadencia dunha botella de PET, un encoro baleirado e cuberto esqueletos de cangrexo, a placa de cociña escura do fideo revolucionario -“…O fideo que caeu no deserto escuro da vitrocerámica … na friaxe invernal da miña cociña …” (Pax. 20)-, e outros que, xuntos, coido que conforman unha unidade alegórica da “rotura” proposta no título e no episodio que o xustifica -“… Arredor del a paisaxe toda rachaba, esnaquizábase, desfacíase, quebraba e … nada volvía ser igual que antes…” (Pax. 186)-, coma preludio alucinatorio da morte.

Xesus-ConstelaO que rompe, tamén, é o noso prexuízo diante da repentina animación dos obxectos, da posibilidade da contorna personificada, convertida en protagonista da catarse, e un pouco converténdonos a nós en personaxes secundarios polo arrepío ou pola inconsciencia. “… Son autómatas sen espírito a bailar moi lonxe da realidade que os circunda …” (Pax. 230). As personificacións -o botello, o fideo, o garavanzo, unha gota nun cristal, unha glicina, unha buganvílea- van zarrapicando polo libro un ton que, ao primeiro, semella coma de historieta, de desgravación racional ou dun divertimento que nos levaría á relativización coa que Xesús comparte ás veces a vivencia da escrita, pero que decontado muda nesa presenza activa das cousas, das partes da paisaxe, dos escenarios; un cobrar plausible de vontade os personaxes, nunha confusión entre a ficción e a realidade. Todo está vivo. Mesmo un libro é un mundo vivo. Atopámonos, outra volta, diante do eterno problema do escritor: contar o que se percibe coa subxectividade do perceptor, do seu estado de consciencia/inconsciencia, ou deixar coar na escrita esa obxectividade que nos ven dada. Ponnos, Xesús, diante do reto, mesmo por medio de recursos gráficos coma o das fotos de baile inseridas entre as páxinas, coas que fai outro dos xogos para nos dar ao final o que sabe que nos pasará desapercibido, e que tampouco quero desvelar anticipadamente.

Fresca, delirante, crítica, máxica, divertida e torrencial, a lectura desta Rotura das paisaxes de Xesús Constela produce unha sensación coma de quedar suspendido, aboiando nunha auga onírica, cambiante e incontrolable, na que sucesivos espertares son coma o alentar doutras tantas revelacións, sopros cara a dentro nos que recibir/percibir os sinais desoutras historias que se están a contar arredor de nós. Novela exquisita, xa digo, dun Xesús Constela en plena vea literaria. Para non perder.

Un comentario en “A rotura das paisaxes, de Xesús Constela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>