Fútbol e poesía para a Eurocopa

futbolMiguel Mariño. Estamos xa en Eurocopa, eu diría que aínda sen moito ánimo. O home xogou dende sempre e xa sabemos que a poesía grega celebrou os seus atletas, pero ata o século XX a presenza do deporte na poesía foi escasa, porque quizais se consideraba unha actividade “pouco poética”. Algo máis aparece o deporte na prosa, pero serán as primeiras décadas do século XX e as vangardas o momento de explosión do deporte na literatura. Se eu tivese que elixir catro termos para amosar a entrada da modernidade na poesía, elixiría estes: jazz, cine, aeroplano e deporte. Na poesía española e catalá a eclosión do fútbol nos textos é dos anos vinte e trinta e hai xa varias antoloxías que recollen os poemas de fútbol. Eu teño agora na man a escolma Un balón envenenado. Poesía y fútbol, de Luis García Montero e Jesús García Sánchez, que contén textos “ad hoc”, outros xa moi coñecidos (Alberti, Gerardo Diego, García Nieto, Muelas) e un bo número de autores hispanoamericanos. Ningún galego, e iso que na prosa teñen escrito moito de fútbol autores como Fernández Flórez ou Cela, e que ben podería estar presente Eugenio Montes, que alude varias veces ao fútbol:

Para jugar al fott-ball/los bailarines buscan la pelota/que nunca lanzarán.

Pero, hai poemas galegos, en galego, de fútbol? Si, eu coñezo moi poucos, pero si que os hai. En todos hai algo en común: nada de referencias concretas a equipos, xogadores ou acontecementos concretos. O fútbol é só metáfora, xogo da modernidade, abstracción.

romancesEn 1928 Eduardo Blanco-Amor publica Romances galegos, no que inclúe “¡Goal”:

Polo field do ceo mareiro/vai esbaratando o sol,/e horizonte, mal porteiro,/non pode parar o goal.

Ese mesmo ano aparece o volume Cantigas e verbas ao ar, de Xulio Sigüenza, onde está o poema “Foot-ball”, que xa aparecera no número 54 de <Nós>:

And’á brincar pol-os ermos/a roxa bola do sol,/i-os campanarios da vila/vanse xogar ao foot-ball.//E xa enmallada na rede/da posta da tarde o sol,/o campanario mais outo/berra:-¡Xa fixen un gol!…/(As ovaciós da esquilas/morren no céspede mol)…

O motivo é común, propia da escola imaxinista que personifica o inanimado. Sigüenza poetizou tamén o tenis, o remo e o billar.

En 1934 publica Florencio Delgado Gurriarán o poemario Bebedeira, co poema “Foot-ball”, interesante pero con pouco fútbol, o máis significativo destes versos:

Dous equipos de rabudos/xogan co mundo ao balón/chutan,/corren,/driblan,/centran…

Outro día falaremos de jazz, onde hai máis partido, máis equipo galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *