Silencio percutido

silencio1Elisa Lobeira. Vén Eva Veiga de gañar o XXXI Premio de poesía Cidade de Ourense 2015 e agora Espiral Maior edita o poemario, Silencio percutido, nun ano no que tamén edita outro poemario, Soño e vértice. Xa con once poemarios, é unha das poetas importantes do noso sistema literario, unha voz dunha gran pureza lírica, en sintonía coa modernidade pero fuxindo do hermetismo excesivo e sen confundir polifonía con cacofonía. A poesía non se explica, non predica, fálanos e debemos comprender, pero a miúdo unha comprensión coma a do soño, como a da inocencia perdida do edén, ou a dor máis alá da xustificación.

Cincuenta e nove breves poemas, esencialistas, limpos, “baixo o ceo/que non é ceo/alzando as mans/até o canto/que é escuma/que nunca foi a escuma/prendéndonos dun verbo/a desfacerse en todos os seus fíos/noutros ríos/medindo o eterno/en cada extrema/e a súa fuga/a seguir o rastro/sen orixe”.

Busca do eterno, do perenne, que se mestura coa elexía da perda:”non hai silencio aquí/onde todo é silencio onde/nunca lentamente caerán/as pétalas dunha rosa fugaz/nin o mar volvera iniciarse/fugaz/nas súas correntes”. Perpetua randeeira entre a beleza das palabras e a súa incapacidade para dicilo todo: “Palabras/que só ás veces compadecen/o seu despezamento/que sen cesar se unen negando/o que as separa…”. Para rematar no río da vida: “deste fluír/fican só espellos/a vida continúa a súa viaxe”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *