Xilbarbeiras, acivros e teixos

Os tres froitos teñen o seu perigo, e o do acivro -no centro- incluso pode provocar a morte
Os tres froitos teñen o seu perigo, e o do acivro -no centro- incluso pode provocar a morte

Fernando Losada Rodríguez. A volta á clase era dura, pero necesaria. Case tres semanas ocupados con cousas «máis importantes» como ver a familia ou estar cos amigos. Pero a vida seguía e había que dar a materia. Carlos, o mestre, falou do reino vexetal. «Xa comentamos que os cogomelos non son plantas, xa que non fan a fotosíntese. A maioría dos investigadores tampouco inclúen todas as algas: son varios grupos e, se os miramos ao microscopio, non se asemellan en nada. En todo caso, só as algas verdes serían plantas, as demais son… outra cousa».

«Outros, como Lynn Margulis, só consideran como tales as plantas terrestres: as briófitas (coma os musgos) e as plantas vasculares«. «Coido que me perdín un chisco», dixo Cristina. «Para que o entendades, as plantas vasculares son as que teñen tres partes: raíz, talo e follas; collen o seu alimento pola raíz, lévano en forma de zume bruto polo talo e, nas follas, transfórmano en zume elaborado na fotosíntese».
«Logo, o toxo non é unha planta? Que eu saiba, non ten folla ningunha». Carlos esperaba esta pregunta de Xulio para explicar unha das grandes marabillas do mundo vexetal: a evolución modificou as raíces, os talos e as follas de moitas plantas para adaptalas ao contorno. O toxo, por exemplo, transformou as súas follas en espiñas de cor verde (coma o seu talo), que realizan a fotosíntese; o mesmo pasa nos verdes e carnosos talos dos cactos. As cebolas e os allos forman bulbos nas raíces para gardar auga e outras substancias. Pero a protagonista da clase foi unha foto da xilbarbeira.

«Pero iso é acivro! Meu pai sempre colle catro poliñas para adornar o Belén». O erro de Diego era moi común: moita xente confunde a xilbarbeira (Ruscus aculeatus, en castelán, rusco) co acivro (Ilex aquifolium); de feito, en castelán tamén se chama acebillo ou acebo menor. «As dúas», dicía Carlos, «están protexidas, pero o acivro ten algunhas follas duras, escuras e espinosas, mentres que na xilbarbeira, o que semellan follas (sen espiñas) son talos con forma de folla».

«Pero, a ver, profe», dixo Óscar. «Ti sempre dis que as cousas non son certas porque o diga unha autoridade; estasnos a dicir que iso non son follas, e teñen toda a pinta!». Toda a clase botou a rir. «Vouvos dicir unha característica que teñen as follas de case todas as plantas do mundo (agás unha moi rara de Namibia, da que vos falarei outro día): o crecemento limitado; a folla ten un tamaño máis ou menos fixo e, ao remate dela, nada crece. E se nos fixamos, das falsas follas da xilbarbeira sae unha flor ou un froito: é dicir, non son follas».

Algo no que se asemellan o acivro e a xilbarbeira, dicía Carlos, son os seus perigosos froitos vermellos: ambos producen vómitos, e os do acivro poden provocar a morte. O peor é que moitos nenos as proban porque lles atrae a súa cor vermella. «Pois eu probei uns froitos do acivro da praza, e estaban ricos», replicou Iria. O profesor sacouna do erro: «Esa árbore é un teixo (Taxus baccata) e arriscácheste; a parte externa, vermella, si se pode comer, pero a semente é moi tóxica. Porén, en realidade, non son verdadeiros froitos, senón…» (sona o timbre), «Verémolo na seguinte clase».

Un comentario en “Xilbarbeiras, acivros e teixos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *