Eme Cartea. Neste gravado de Ester Rincón-Benzalá, que formou parte da colectiva BarbantiaRte V, titulado simbolicamente Trampa, a causa da súa polisemia formal e expresiva, a autora bota man dun procedemento non recorrente que nos achega a unha técnica sinxela e próxima que se arreda doutras formas que nos son máis canónicas. No catálogo da exposición lemos: «A súa obra sitúase entre a figuración e a abstracción. Nas súas preferencias destaca o uso da cor. Desenvolve a súa actividade en diferentes técnicas, temas e modalidades. Neste gravado asistimos a un puro exercicio de delicadeza poética nas marxes da abstracción, onde as formas se apropian da cor e compiten por un sentido recoñecible».
Sabemos que dende os sumerios (3000 anos hai), a través de China, da estampa xaponesa e do papel do s. XV europeo, o gravado é unha disciplina artística capital na que, nun espazo bidimensional e ríxido, a/o artista representa unha imaxe susceptible de ser transferida a outra superficie por medio do tórculo. Serán os materiais e os instrumentos utilizados os que determinen as diferentes técnicas: en relevo, en oco, ou ben en plano. Mais todo este universo de gubias, burís, punzóns, puntas secas, puntas de prata ou ácidos corrosivos sofre agora o asedio dos medios fotográficos, dixitais, ou mesmo do láser e o plasma. O vello, inda actual, que resiste como pode as turbulencias anovadoras do futuro que xa nos disuade e cultiva.
Gravadora-pintora, aquí, por canto a estampa é só ese lenzo matérico que ha ser pintado. Unha obra de arte na época na reprodutibilidade técnica (W. Benjamin dixit) mais non mera e mecánica reprodución redundante, privada de aura sacralizadora. A salvo, pois, da pura mimese fotográfica, ou da repetición do pop art, como ritual de homoxeneización masiva do gusto e das estéticas warholianas.
A prancha como lugar aberto á inspiración, como posibilidade emotiva, como matriz nunca previsible. Un símil agrario de fertilidade onde a colaxe exerce de arado ancestral que ofrece os sucos cavados na pel da tarlatana, como feridas vitais e abertas na superficie da estampación, que se abre aos pinceis e acolle a cor en delicados contrastes e gamas nun intenso xogo de verde, amarelo, vermello e ocre. Unha parábola multiplicativa, orixinal e cativadora que con nós é quen de pensar, suxerir, espertar emocións e amar a beleza que nos humaniza.
Genial! Gustoume moitisimo!