Manuel Antonio de puño e letra

alvarellosRomán Arén. Manuel Antonio está a se tratar como o que é, un clásico das letras galegas. Contamos xa cunha magnífica edición da súa obra completa a cargo do académico Xosé Luís Axeitos, o que nos permitiu aos lectores acceder á súa prosa e ás súas traducións, e agora podemos disfrutar da edición do manuscrito orixinal do poemario De catro a catro, editado en 1928, e que serviu de base ao impresor e editor Ánxel Casal para sacar do prelo a obra.

O manuscrito estaba en poder da familia García-Sabell, que o cedeu para a súa publicación, da que se encargou o profesor Anxo Tarrío Varela, ofrecéndonos a reprodución facsimilar, a transcrición íntegra do texto e algunhas notas ecdóticas. Este poemario dedicado por Manuel Antonio ao ribeirán Augusto Lustres Rivas, capitán co que navegara o poeta rianxeiro no pailebote Constantino Candeira, ese «pailebote branco / c’as suas mans loiras» que «acenan mil adeuses as estrelas», permitiu unha das grandes viaxes poéticas da literatura galega para xuntar «cuadernos en branco / d’a novela errante d’o vento».

Fermosa edición da editorial Alvarellos en coedición co Consorcio de Santiago, coa colaboración da universidade de Compostela, nesa colecciónRescate, que tantas páxinas espalladas na prensa ten recuperado, sobre todo en Vida Gallega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *