Mariña Pérez Rei. É ben coñecida a relación da arte coa natureza, reflectida en múltiples intervencións artísticas en espazos boscosos. Desde o máxico Brocéliande de Artur á selva de Esmelle de Cunqueiro, pasando por Aokigahara, o bosque xaponés dos suicidios, o Courel de Novoneyra, o bosque de Fangorn, o bosque medieval de Beowulf, ou a Montagne Sainte-Victoire pintada con obsesión por Cézanne. Na nosa literatura temos un exemplo marabilloso na lírica medieval que elevou a categoría de símbolo erótico-sensual o noso monte, o cervo, a fonte, o souto, o canto dos paxaros. De antigo, hai un pouso de sensualidade na contemplación da montaña, na visión terapéutica do seu cume ou na respiración do seu aire (O Monte Fuji, O Pindo, A Montaña máxica de Mann, O Pico Sacro…). Acubillo e principio da materia. Ecoloxismo literario natural, sen exceso de hippismos nin Reikis.
Hai pouco vin coñecer, e apoiar humildemente, a iniciativa do bosque de Froxán, no concello de Lousame. Crowdfunding para sobrevivir ao lume burocrático, micromecenado contra o abandono do rural. A fraga emerxe como territorio simbólico da nosa identidade. Froxán non é ficción literaria. Existe e vai crecer no Barbanza por vontade popular, acompañado de palabras dignas acuguladas de futuro. Con consciencia. Que non todo o monte é ourego.