Moisés Suárez Abel. Máis ou menos igual que hai anos xa describiu Delibes á chegada das inquedanzas democráticas ao rural castelán, andei eu nas semanas pasadas polos currunchos todos da miña vila con sobres e panfletos. Presenteime na lista por unha candidatura ás municipais formada por independentes baixo o, cando menos, ambiguo nome de «Alternativa por…». Eu suxerira chamarlle Alternativa Sintrón, pero de contado afeáronme a conduta por achegarme ao adro político cun carácter tan argallán.Quen coma min inxenuamente parta dun espírito reivindicativo cara ao medio rural enseguida se dá de fociños cunha realidade abraiante. Como os cabaleiros medievais que levaban entre a cota de maia e o peto unha daga compasiva para rematar o sufrimento dos inimigos feridos, talvez ao máximo que hoxe poidamos aspirar en relación co concepto «medio rural» é axudar a finar con el e que non agonice por máis tempo.
A tía Generosa recibiume amablemente mentres debullaba no millo. A casa de pedra, que no seu día se erguería flanqueada por un hórreo no medio dunha eira estrada, parece un caseto dos cans entre dúas moles de formigón que a asoballan e das que saen ruídos de maquinaria e animais. Coma artefactos a creto chegados doutra galaxia, dous inmensos tractores, un verde fosforito e outro laranxa, flanquean a entrada no pendelluco onde ela se agocha. Aniñada nun tallo segue a debullar mentres falamos deixándome constancia de que, se alguén perde o tempo durante a conversa, serei eu quen o faga e non ela, que latrica a fregar co carozo na mazorga de millo.
Só espero que non se trabucase coas papeletas o día das eleccións. Sigo a pensar que o de «Alternativa por…» préstase a moitos equívocos.