A vacina dos soños

la-vida-del-coronavirus-3-h-en-el-aire-2-3-dias-sobre-superficies-240661-1_768Antón Riveiro Coello. Escoitei os aplausos nas fiestras e erguinme axiña para ver o móbil desa euforia que madrugaba ás oito da mañá. Cando abrín o balcón e vin o estoupido unánime dos aplausos, acompañados de vivas e apupos, sospeitei que algo extraordinario ocorrera e prendín a radio. O locutor mudara a súa voz sensata por outra rouca que berraba o nome dunha muller á que lle había que dar, xa, o premio Nobel. Agardei uns segundos para apañar algún dato que me explicase o motivo desta festa colectiva e non tardei en me decatar de que unha investigadora galega viña de descubrir a vacina contra o maldito virus. Pasara todos os controis internacionais e os resultados eran tan obvios que a comunidade científica a felicitaba, non sen se preguntar como unha descoñecida mileurista estaba detrás desta descuberta. Cando escoitei o seu currículo académico impecable e a serie de bolsas que a trouxeron por medio mundo subsistindo en precario en diversas universidades até os trinta anos, que eran os que agora tiña, pensei con rabia en que a noticia non era tan galega porque o equipo de investigación que ela dirixía estaba baixo tutela dunha universidade estranxeira. Unha vez máis o noso éxito estaba vinculado coa emigración. Non podía ser doutro xeito. E espertei aí do soño, cun pouso de desánimo, e fiquei un tempo escoitando o parte diario, co reconto de contaxios e mortos coma quen escoita a predición do tempo. E quixen durmir de novo para seguir soñando con esa rapaza anónima que, con certeza, estará a deixar os ollos no microscopio para que o mundo sande e esteamos tranquilos mentres non nos ataque outro andazo. Nesa altura, talvez precisemos doutra premio Nobel galega que nos salve, pero, para iso, se non cambian os referentes e os investimentos, haberá que seguir soñando.

2 comentarios en “A vacina dos soños

  1. Querida Magdalena, xa choveu dende que escribín ese libriño, pero gárdolle moita querenza porque me axudou a coñecer sitios tan fermosos coma a túa Palmeira.
    Bicos

  2. O meu non foi un sono, querido Antón.
    Uns días antes do confinamento atopeime cunha compañeira que levaba debaixo do brazo un pequeño, feituco, e gordiño libro moi ben encadernado. Pregunteille se mo deixaba mirar e cal foi a miña sorpresa ao ver que o debuxo que o ilustraba era o noso Castelo presidido pola estatua dos fillos dos emigrantes que tan ben nos representan a todolos palmeiráns. Pero ahí non se acabou o asombro; ao fixarme no autor vin que era do admirado Riveiro Coello. Díxenlle se mo podía prestar, e moi amablemente púxome o prazo duns días, os cales disfrutei lendo con avidez e ledicia todo canto ese amigo che relatou do noso pobo e especialmente do mítico bar “Miramar” máis coñecido como “o bar da raspa” tal como o bautizou a xente do pobo por una famosa anécdota que aconteceu fai moitos anos e que cha contaréi algún día cando estemos xuntos.
    Xa ves, o meu non foi un sono coma o teu, a ver se un día despertamos ca realidade de saber que unha rapaza galega recibe ese valioso Premio que nos libere desta penuria, será tan agradable coma toparse co “Cartafol do Barbanza. Viaxe polo cuadrante das sereas”.
    Biquiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>