Non digas nada, de Patrick Radden Keefe

91AQ0rD-ZPLInés Otero. Este libro comeza co secuestro no 1972 de Jean Mc Conville, unha viúva e nai de 10 fillos, que vivía nun arrabalde miserento de Belfast. Detrás daquela acción estaba un comando do IRA. Durante tres décadas os seus fillos non deixaron de buscar o corpo da súa nai. Esta historia sobre as Troubles, que converteron Irlanda do Norte nunha zona de guerra, resulta apaixonante. O seu autor é Patrick Radden Keefe, reporteiro do The New Yorker, que aproveitou os testemuños que conseguiu a Universidade de Boston con algúns dirixentes do IRA cando o conflito xa rematara cos Acordos de Venres Santo de 1998.

Entre os protagonistas do libro está  Dolours Price, destacada dirixente do IRA, que participou naquel crime; Gerry Adams que sinalou o obxectivo, pero foi candidato ao Premio Nobel da Paz; e Brendan Hudgues, un dos pistoleiros máis violentos de Irlanda. O máis arrepiante desta historia, amais dos 3.000 mortos que quedaron nas cunetas, é coñecer como algúns dirixentes do IRA eran axentes infiltrados do exército británico, católicos irlandeses que non  dubidaron en traizoar os seus compañeiros. patrickraddenkeefeTamén resulta noxento ver como acabaron os máis comprometidos naquela loita: vítimas da indiferenza, mortos en circunstancias estrañas e, o máis curioso, odiándose entre eles coma inimigos recalcitrantes.

            O corpo de Jean  Mc Conville apareceu finalmente no 2003, máis de tres décadas despois, pero ninguén sabe por que a quitaron da súa casa naquela noite de 1972. O que se sabe con certeza e que os seus fillos acabaron en reformatorios, orfanatos e cunha vida chea de problemas, traumas que algúns non puideron superar.

Sen dúbida, un libro imprescindíbel, unha excepcional investigación que semella unha novela de terror.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *