Pilar Sampedro. Hai libros necesarios aínda que en principio non semellen excelentes, ou puideramos pensar que son obras menores. Vén a conto, repasando unha novela infantil de María Reimóndez, O xeito das froitas, publicada en Oqueleo. Levoume a revisalo unha personaxe principal moi interesante: unha nena de carácter forte e conviccións seguras, que anda entre a consideración de teimuda ou simplemente dotada de autoestima. Unha desas personaxes ás que nos imos acostumando, que racha os estereotipos de xénero, con ideas propias e orixinais sobre case todo, que se asenta na igualdade e os dereitos, pero tamén nas obrigas, porque é empática e solidaria. Certamente, o primeiro que chama a atención é a personalidade de Iris, pero cando nos centramos, dámonos conta de que é un libro imprescindible porque recolle dúas temáticas que non viramos tratadas con anterioridade ou, polo menos, non atendidas desta maneira, tan clara e evidente.
Por un lado, a discriminación da rapazada galegofalante. Esa valentía que lle teñen que botar para manter a súa lingua na escola e na contorna. Ao centro educativo chegan falando galego con naturalidade, tal como fan na súa casa. Alí danse conta de que están sos, de que os demais adoptaron outro idioma; que cando eles falan semella que distorsionan a pax de convivio. Por iso, a persoa narradora confesa: “Pero a Iris moitas veces non lle gusta falar demasiado na clase porque ser especial está ben, pero cansa”. Xa ten aceptado que é singular, pero resulta esgotador estar diferenciándote todo o tempo, facendo un esforzo que a ninguén máis se lle pide. Se Iris non fose como é, xa se tería “entregado”, xa se tería pasado ao castelán, pero a nosa nena é afouta e non consente que a masa –só por ser máis– a leve ao seu rego.
Como comentaba, no libro tamén se recolle unha experiencia que se debe denunciar, a do profesorado que esixe mercar materiais que non son tan imprescindibles ou o son só en certa medida; sen pensar na posibilidade de compartilos, especialmente con aquel alumnado que non ten medios para facerse con eles. Cando a profesora envía a nota para mercar materiais para unha materia… cando o pai está no paro e non hai cartos… cando ten que vender os libros da súa biblioteca para que a nena non teña que ser amoestada diante dos compañeiros/as… Como é posible que o profesorado non saiba que estabamos ou estamos en crise? Como se pode ser insensible ante o horror de que parte da nosa rapazada estea en situación de pobreza? É certo que esa mesma rapazada que non trae o esixido pode aparecer algunha vez con xoguetes caros, ninguén o nega, pero iso debe resolverse noutro lugar.
Detrás dun título tan inocente, un par de denuncias que lle agradecemos á autora.