Zapatillas deportivas

Fidel Vidal. touch-of-shoes-2210x3311Primeiro deberon ser as chinelas de coiro e as sandalias. Tratábase de defender os pés descalzos, de calzarse. E se a historia das palabras non minte, o calcetín adiantouse ao zapato como calzado, xa que logo, calzado vén de calzas. Unha maneira de cubrir os pés e engadir unha peza cerrada sen pasar da canela. Despois viñeron os tacóns. Velaí os zocos, ou mesmo nos zapatos. Pisar forte, çapat. Coa chegada da industria, comezouse a producir calzado en serie e, coa mesma, a desaparición do gremio de artesáns. Como recordo quedaron os zapateiros que amañaban calquera deterioro no calzado. Sen embargo os zapatos coas solas descosidas ou con buratos na punteira nunca estiveron de moda, non así sucedeu cos pantalóns esgazados ou con remendos, neste caso deu lugar ao afloramento de verdadeiros virtuosos na arte do rachado ou dos parches nos cóbados de fábrica.

Arestora cada vez observamos menos zapatos polas rúas. Vémonos invadidos por zapatillas de deporte. Un calzado onde abunda unha variada cantidade de cores e debuxos, maiormente vivos, cun logotipo ben visible. Hai quen fai colección. Se un non deixa de mirar onde pisa, respecto das cores, comproba que sobresae, en especial a certas idades, a cor branca. As zapatillas apareceron aló polo século XVIII; usábanas no traballo os mariñeiros ingleses, até que, por razóns de comodidade, a alta burguesía, xunto coa roupa adecuada, levounas aos campos balón-cesto ou de tenis. De aí vén o nome de zapatillas deportivas ou de tenis. Lembremos que hai ben pouco tempo se alguén era convidado poñamos a unha voda, estreaba zapatos.

Hoxe en día os tenis non se usan só para correr, xogar, facer sendeirismo, etcétera, senón tamén para ir a clase, á oficina, pasear ou mesmo para as celebracións. Incluídos os noivos. Algúns mozos semella non desprendérense delas nin para durmir, case como acontece cos móbiles. Ninguén se libra de calzar deportivas, nacidas para iso, para determinadas prácticas achegadas á ximnasia. Sen embargo a maioría dos usuarios deste calzado, sen quitar do listado un bo número de xente madura, xamais fixeron deporte, e menos exercicios de esforzo. Con todo e iso, en realidade a xente non calza zapatillas nin tenis, senón unhas determinadas marcas comerciais, para que se note o poderío. O pés, máis que calzados, van adornados de Nike, Adidas, Skecher, Puma, Reebok, Fila, ou o que se aprecie, vamos, aquilo no que se note o prezo. A moda manda, e na moda mandan as grandes marcas. Cadaquén é libre de escoller as zapatillas deportivas que mellor lle senten ou lle guste. Niso seica consiste a liberdade. Ou non? Esta tempada, acercándonos ao inverno, as bonecas dos escaparates veñen anunciando nos pés botas e botíns. Atentos ao cambio.

2 comentarios en “Zapatillas deportivas

  1. Duplo agradecemento polo esforzo para compartir esa tarde de choiva connosco, querida e atenta Magdalena. Mágoa de artesáns coma o teu avó. Hoxe só se dedican a “pegar”, case desapareceron os profesionais. Desde un producto manicomio castos bicos para a TROSCA CASTRO. Saúde. Coidate.

  2. Ante todo e sen máis preámbulos , parabéns pola presentación do teu libro, admirado Fidel.
    Cando fun para que me firmases o libro, iba toda caladiña para ver si me recoñecías, e cando mencionastes o de “miña atenta” puden comprobar que aínda coa máscara tiveches a capacidade do bo psiquiatra. Recoñecestesme! Si señor.
    A pesares de que viña do médico e non estaba “moi católica” paseino como se fose Teresa de Xesús en pleno éxtase. Xenial.

    Tamén foi unha pena non poder charlar un pouquiño máis con Lobato e Losada pero, non estaba o forno para bolos, non quería expoñer a ninguén a que tivese que botar man dos antipiréticos cos que eu almorzo estes días.

    Bueno, e indo coa tua entrada zapateira, teño que dicirche que meu avó paterno, foi iso, un bo zapateiro , e como o traballo o tiña a dous pasos da nosa casa, eu iba todolos días a xunto del. Mandabame ir á fonte “piollosa ” para que lle enchese o porrón daquela auga tan fresca. Gustabame moito velo co seu mandil de couro e aquela manopla con aquel redondel de ferro no medio para evitar as callosidades ca que empurraba aquela agulla tan grosa para coser o zapato.
    Meu avó Marcelino Castro Castro. Cando morreu encargáronlle a cruz para o cemiterio a un home orfo de escola e encargado de poñela el na tumba. Cando fomos a pollerlle flores , na cruz rezaba esto “Marceino Castro Castrofa lleció a los …” Tivemos que volver a pintala.

    Un gustazo lerte sempre, Fidel, e máis aínda poder verte e escoitarte en vivo ese ONIRICO e IRONICO raciocinio, venditos “productos manicomiales” xa me entendes. Cstos biquiños

    P.D Permíteme que lle dea as grazas de todo corazón a Antón Riveiro Coello. El, tamén me entende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *