Azolla

Palabras  na paisaxe 167 Azolla. ImaxeXulio Gutiérrez. Non é normal que un fento medre na auga, pero Azolla filiculoidesnon é un fento común. Chegou de sudamérica hai uns anos e chegou para quedarse. É unha das expecies exóticas invasoras máis estendidas do mundo porque combatela é difícil, caro e, ao cabo, inútil.

As follas esponxosas de Azolla permítenlle aboiar na agua. Son diminutas, do tamaño dunha uña e medran formando un denso manto averdado.

Non se pode negar que é unha planta fermosa. As follas amosan unha bonita cor verde brillante que se torna rosa, vermello ou marrón escuro cando acadan a madurez. Por iso foi tan popular para adornar acuarios. Pero infelizmente algúns exemplares acabaron accidentalmente en ríos e lagos.

As invasións de Azolla son rapidísimas. Se as condicións de luz e nutrientes son axeitadas pode chegar a duplicar a súa biomasa en tres días. Non deixa de medrar ata que forma un tapiz flotante que cobre completamente a masa de auga onde se instala. Nesa altura causa unha desfeita tremenda. Impide o paso dos raios de luz e isto provoca a morte do fitoplancto e a desaparición de anfibios, peixes e outras especies vexetais.Tamén produce moitísimas follas mortas que se afunden nas augas e, ao apodreceren, consomen o pouco osíxeno que puidese quedar.

Azolla é extremadamente difícil de eliminar porque pode reproducirse a partir de pequenos fragmentos das follas ou mediante esporas. Se quedan adheridos ás patas dunha ave acuática, como un parrulo, pode ser transportada a grandes distancias.

Azolla non gusta das augas con poucos nutrientes (oligotróficas, din os científicos) e tampouco gusta do frío porque é unha planta tropical. En inverno case desaparece da vista, aínda que as esporas que deixa na auga permiten que reapareza ao volver a calor.

En numerosos países está clasificada como “especie invasora agresiva”. Hoxe en España está prohibida a súa introducción no medio natural, así como a súa posesión, comercio e transporte.

Con todo, Azolla tamén ten dúas propiedades interesantes. A primeira é que captura nitróxeno atmosférico grazas a que vive en simbiose coa bacteria fixadora Anabaena azollae. E a segunda que absorbe metais tóxicos sen sufrir danos.

Baixo un estricto control, Azolla utilízase para tratar auga contaminada con cromo, níquel, cobre, zinc ou chumbo. Una vez capturados os contaminantes, colléitanse os fentos, sécanse e deposítanse nun vertedoiro de substancias perigosas.

En China e Vietnam sementan Azolla nos campos inundados nos que se vai cultivar arroz. Antes de plantar o cereal secan os campos para que morran os fentos e acheguen nutrientes nitroxenados á terra. Esta forma de abonado ecolóxico evita o uso de grandes cantidades de fertilizantes industriais.

Resulta curioso que Azolla sexa unha planta prexudicial nuns lugares, onde altera profundamente os ecosistemas, e sexa útil noutros sitios favorecendo a agricultura ecolóxica e a biorremediación de verteduras tóxicas. Isto acontece con outras moitas especies, que poden resultar beneficiosas ou nocivas dependendo do ambiente no que se desenvolvan.

Pero aínda hai máis. Unha especie antiga de Azolla causou un evento climático global hai 49 millóns de anos. Daquela, o Ártico era unha masa de auga doce e non tiña xeo. Azolla invadíu unha superficie de 4 millóns de kilómetros cadrados deste mar e retirou tanto dióxido de carbono da atmosfera que arrefriou todo o planeta. Non foi ata que o mar Ártico se volveu salgado que os fentos morreron e as temperaturas se normalizáron.

Vaia co fento!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *