The Special One

thumbnail_1636367623727blobRamiro Ouviña O. O ingreso de Cristovo foi un máis dos sete contaxiados polo Covid-19 que rexistrou aquel día o Hospital da Barbanza, cando a pandemia ameazaba con encher todos e cada un dos espazos dos hospitais e con esgotar os esforzos, cada día máis escasos, do persoal sanitario.

Non pasou moito tempo antes de que a doutora encargada informase a Isolina de que seu fillo tiña que ser trasladado a Santiago, pois presentaba síntomas que non eran quen de identificar e tratar, polo que supoñían que estaba afectado por un coronavirus non común e aínda non identificado, e precisaba ser internado na UCI.

Meu deus!, laiábase Isolina, é que este rapaz non é común nunca, señor, señor! Mire vostede, naceu de nádegas, e non quero lembrar nin por un segundo o que foron aquelas horas, doutora, que xa vostede se ha de dar conta. É manicho. Tanto, tanto, que a man dereita semella tela por compensar o corpo. Na aldea, cando os outros cativos devecían por un lugar onde xogarao fútbol, el sementou os prados de buratos para xogar ao golf. A música, de canto máis lonxe, mellor. E a roupa! Nin lle conto, porque nin eu sei onde a vai buscar ou mercar. E agora colle este aire maligno e non lle chega con tusir, ter mocos e respirar un pouco mal, como todos; non, el ten que pillar un “non identificado”.

As xornadas na UCI foron duras e dolorosamente longas. Os escasos minutos de visita permitida eran o único alimento de Isolina, que perdía a saúde mais non a esperanza nas salas e nos sofás de imitación a pel do hospital. A situación de coma na que se atopaba o fillo era un aguillón cravado no peito que non a deixaba respirar.

Pouco a pouco a pandemia foi recuando e as chegadas á UCI foron sendo máis e máis pequenas que as saídas. Paseniñamente, con pouca présa pero sen ningunha pausa, a sala baleirouse ata só quedar unha cama, a de Cristovo.

Na mañá seguinte a ser o único e principal hóspede da UCI, namentres Isolina consumía os minutos de visita, Cristovo deu sinais de volver ao seu. Os aparellos aos que estaba conectado comezaron a dar chíos. Doutoras e enfermeiras achegáronse de présa á muller e á cama, a tempo de ver como Cristovo abría os ollos e esculcaba as caras que o arrodeaban.

De súpeto, unha voz dorida rachou o silencio: Where am I?

Ao día seguinte os xornais destacaban nas súas portadas: IDENTIFÍCASE EN GALIZA O PRIMEIRO INFECTADO COA VARIANTE BRITÁNICA DO COVID.19.

4 comentarios en “The Special One

  1. No te conozco Ramiro, pero tengo que reconocer que tu “The special one”, ha estado buenísimo. Y no digamos el despertar de Cristovo con su… ¿Dónde estoy?, en inglés. ¡¡¡Ja, ja, ja!!!
    Me gustó.
    Un cordial saludo, desde Palmeira.

  2. Xenial, Ramiro,encantóume a tua traxicomedia !!!

    Dentro duns aniños, Sabela, xa poderá ler e aprender, o ben que escribe seu pai.

    Unha aperta dunha palmeirana que xa leva quince días asubiando esbirros, igualiño ca si solvera rapé.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *