Antonio Piñeiro. Alguén dixo que para falar de Lola Sanz hai que comezar con poesía. Foi a primeira impresión que me produciu esta súa obra, pendurada coa mostra que o grupo Galeoska está a presentar estes días na sala do Centro Cultural Lustres Rivas, de Ribeira. Unha pintura disposta en versículos consoantes polo formato, pola dimensión, polo tema, pola cor, pola luz e polo propósito, que diríamos na orde dun xardín xaponés en vertical, esencialista, tan pousado no acontecer coma preciso no ordenamento.
Hai, na historia da pintura, moita obra fragmentaria, políptica, deconstruída ou reconstruída, mais en Lola Sanz engádense facetas dunha distinción certa. Ao azo espiritual e poético —xa digo— sumariámoslle o analítico, o dialéctico, o contemplativo, ou ese fío de meditación a se tecer entre os seus recullos e os do ollo que os penetra.
Nesa linguaxe, coido, radica o poderoso atractivo da pintura de Lola Sanz. Deixa tras a ollada unha nidia sensación de proício, de desexo, de matinaxe, e ao mesmo tempo de conforto. Percíbese, coma nunha secuencia do cinema, alén dos elementos pictóricos. E mesmo semella ter banda sonora. Deixa sons. Coma unha visión escoitada. Coma unha paisaxe no bisbo que ás veces é o recitar.
Non puiden resistir a tentación de ir localizar máis obra súa na Internet. Florais, paisaxes, mariñas, figuración reminiscente, mail art. O seu ánimo pescudador, o seu oficio e a peculiar sensibilidade dos seus resultados indícanme que estamos ante unha pintora de carácter.
Luarada, título xenérico que o colectivo Galeoska lle puxo ao conxunto, é unha mestura de propostas xunguidas pola angueira cernal da paixón artística. Baixo tal riqueza non foi doado describila na súa totalidade, mais coido que esta escolla da Lola Sanz reflíctea e é ben representativa do valor da mostra.