De centenarios

maria-casares-eyes-stillPilar Sampedro. Cando abrimos o novo calendario acoden revoando os centenarios, aniversarios e outras datas que son motivo de celebración.

Daquela descubrimos que no 2022 cúmprese un século da publicación do Ulises de Joyce, esa obra moito máis citada ca lida. A súa tradución ao galego supuxo unha desas empresas heroicas pois publicada no 2013 recibiu os seguintes premios á tradución: o Fervenzas Literarias, o da Asociación de Editores, o Irmandade do Libro, o da AELG 2014 e o Premio Nacional de Traducción do Ministerio de Cultura 2014. Un libro multipremiado, traducido ao longo de dez anos por tres tradutores profesionais (Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Antón Vialle) e un escritor (Xavier Queipo) pois ese era un dos criterios a ter en conta (versión colectiva) e sen notas. Non debemos esquecer que a revista Nós tiña publicado en 1926 unha tradución de varios fragmentos desta obra da man de Otero Pedrayo, resultando ser a primeira tradución ás linguas da península. Así de moderna e contemporánea era a nosa cultura nese momento.

Outra data a lembrar é o centenario da morte de Marcel Proust, o escritor que nos legou outra obra magna que pode coincidir coa anterior en que multitudes falan da madalena de Proust pero sen ler En busca del tiempo perdido, esa extensa peza de sete volumes e case 6000 páxinas. Neste 2022 semella que por fin se publicará Los setenta y cinco folios y otros manuscritos inéditos, a obra inédita, escrita entre 1907 e 1908, coñecida dende 1954, pero que non se puido publicar ata a morte do seu propietario, Bernard de Fallois.

No 2022 tamén se celebra o centenario do nacemento de María Casares, a filla do ministro e xefe de Goberno da II República. A casa de Casares Quiroga n´A Coruña segue a lembrar o domicilio familiar ao que non volveron, despois de verse obrigados a exiliarse en 1936. En relación a ese tempo, poderiamos lembrar o artigo de Francisco Xavier Redondo Abal, “A pillaxe da Biblioteca de Santiago Casares Quiroga. Un exemplo de incautación dunha biblioteca privada”, publicado n´A Trabe de Ouro e, tamén, “A memoria dos libros: incautación, espolio e desfeita da biblioteca de Santiago Casares Quiroga”publicado polo Ateneo Republicano de Galicia, para analizar, entrámbolos casos, o trato aos libros deste perseguido polo réxime franquista.

Para afondar en María Casares temos que acudir á ensaísta María Lopo; ela lembróunola cando realizou a manda a Isaac Díaz Pardo. Sen dúbida, podemos afirmar que é a súa maior especialista en Galicia.

Pode que o 2022 sexa un novo tempo para volver aos clásicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *