Un trinta e cinco

Sabana-King-Size-1Marina Losada Vicente. Quedou bloqueada diante da pregunta. Volveron á súa cabeza as noites nas que durmía na fronteira, presa do medo. Tanto, que cando rematou o pesadelo, non soubo volver a normalidade, nin querendo. Só unha vez -unha chamada do baleiro- atreveuse a percorrer todo o campo de batalla, que non era tanto, dous con cincuenta e seis metros cadrados, mais a desolación levou aos seus ósos a repregarse. Aquel espazo sería unha vitoria que non procuraría.

Anos ocupando os poucos centímetros que precisa un corpo como o dela para durmir. Daba a volta sobre si, como un eixe fixo, de forma que non se saíse, nin un segundo, do sitio que precisaba deitada sobre un costado.

Mentalmente dividira o espazo en dúas partes, separadas por un muro imaxinario, máis forte que se tivera presencia real. Da súa metade, por medo a desobedecerse en soños, decidiu utilizar a zona máis afastada do centro, un exercicio de vontade profunda de quen tiña prohibido traspasar a raia.

Esa mesma vontade fixo avalar as pedras. Non acadaría o sosego total, mais aquel conflito deixou de selo. Aínda que xa non compartía as noites con ninguén, a sensación de zona minada mantívose no tempo. Foi a presenza da neta, que se instalou xusto ao outro lado, a que a levou, por fin, a derrubar as barreiras.

Non sente o desterro, mais pensa para si que corenta centímetros chegan, cando lle preguntan na tenda de que medidas quere as sabas. Sorrindo contesta: Un trinta e cinco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *