Pilar Sampedro. Os monicreques de Kukas de BARRIO a BARRIO é unha magnífica idea do concello de Santiago, ao ocupar os CSC (Centros Socio Culturais) da cidade con mostras das marionetas deste creador compostelán e universal. Toda unha vida dedicada ao teatro de marionetas, ás representacións e á creación de bonecos dá para isto e máis, por iso agradecemos o proxecto e, por iso, botamos de menos un maior aproveitamento, unha optimización meirande dos recursos. Percorremos a biblioteca Ánxel Casal na que se expón O Kikirixote e os CSC (en Conxo está a andamiaxe de A rúa das Balconadas e Canonxo; nas Fontiñas, Contos do vento acatarrado; no Romaño, Don Gaiferos; en Vite, O encoro enmeigado, na Rocha, O Castelo da Rocha Vella, en Sar, Un agasallo para Xaquín; no Ensanche, O carnaval dos animais, en Gracia, Réquiem por un monicreque; no Castiñeiriño, A frauta máxica no maxín e en Santa Marta unha exposición titulada Sen título 8 x 4 x 6. Impresionante, non? Acompañan estas exposicións as funcións teatrais De trebellos, perellos e fedellos (en Vite, no Ensanche e en Conxo), Xan Perillán compra queixo, compra pan (no Castiñeiriño, o Romaño e Santa Marta) e Xan Perillán e a maleta máxica (na Rocha, en Sar, en Gracia e nas Fontiñas). Estas actuacións son ás 18,0 horas, ás 18,30 e ás 19,00 polo tanto, pensadas para público familiar pero, para facilitar que este encontro entre espectadores e artista se produza, debemos acompañar a actividade con algo máis.
As escolas teñen un papel que cumprir nesta tarefa de crear espectadores, de promover cultura pero hai que apoialos. Imaxinemos que esta información chega a elas, que se fomentan as visitas guiadas con grupos de alumnado en horario de clase coa participación de alguén do grupo de teatro que lles explica algo sobre a obra á que pertencen, que lles fala de como se construíron os macacos, se incluso lles ensina a facer un moi simple ou lles mostra como representar con marionetas… en fin, se lles esperta a curiosidade para que sexan eles e elas as que tiren do brazo dos maiores para asistir á representación, que terá lugar en horario extraescolar. Non só estaremos enchendo a sesión de tarde senón que estaremos creando espectadores para o futuro, algo fundamental nun país no que isto é unha utopía (polas razóns que sexan).