Sílabas da peste, de Lupe Gómez

silabasFidel Vidal. Entrar nunha obra de Lupe Gómez é mergullarse nun mundo ateigado de palabras e de imaxes, nun espazo fantástico asentado na terra, nas paisaxes lingüísticas e no camiñar por rúas ancestrais. Así volve acontecer con Sílabas da peste (Deputación da Coruña, Premio “Miguel González Garcés”, 2020), que vén de ser publicado en edición bilingüe co título Silabario de la peste (insensata, 2021), no que volvemos renacer en cada liña como cativos regresando da escola. Maiormente creado durante o encerro da pandemia (Ningunha pandemia poderá roubar o camiño das estrelas, p. 35; Teño a impresión de que levo un século encerrada na casa dos ollos grandes, p. 74), cando as radios falaban de cadáveres, da súa man compartimos as apertas coa gramática (Abrazamos/ o alfabeto dos longos seráns, p.25), e á danza do pan bailado polas rúas ante multitudinarias presenzas sonoras da soidade.

O trazo infantil das cores vivas riscadas sen medo está presente, como un regalo da natureza (Regáloche o trazo infantil dunha serpe que abandona a súa memoria na herba, p. 68), vén acompañado da sorprendente forma de nos amosar o mundo (Coas patacas tristes do silabario, descubrimos outra forma de narrar a deshabitada aventura de estar vivos, p. 67). Lupe Gómez pasta gramáticas como quen alinda vacas, coa tranquilidade de quen mantén os nervios por dentro e a frescura a rentes do boli, do lapis ou da pluma, para nos entregar unha obra con “aura” (Benjamín).

silabas2Percorrer estas páxinas supón mergullarse na aventura de descubrir, desde a cabeza iluminada dun dicir interior ateigado de verbas, cada recuncho da nosa xeografía, digamos de Compostela (Belvís, Basquiños, Bonaval, Rúa do Vilar, Rúa Nova), ou das feridas ao axexo, en especial as causadas polo escalpelo na man dun neno, o destino anunciado pola Sorte do Paxariño na feira de Curtis. Son as feridas infantís da nosa memoria, con fragas, cereixas, xestas, toxos, millo, pexegos, carballeiras, como decorado de fondo.

Na soidade do encerro, canda ela van os seus amigos (Novoneyra, Rivas, Gamoneda) e as súas amigas (Luz Pozo, Anxos Sumai, Eva Veiga, Pilar Pallarés), alentado ao mesmo ritmo, para deixarnos a pegada singular da súa escrita plural e chagalliana. Aí está, nesa soidade obrigada, e mesmo se fose voluntaria, sen parar de escribir, porque a súa existencia nútrese da escrita, da fala, das mensaxes, das cartas, mais, como en todo libramento, necesita tomar o aire, saír, dar a luz (A fala era un ventre quente parindo orquídeas, p. 91) e respirar de novo (Suplicando, implorando as caricias do aire, p. 91).

2 comentarios en “Sílabas da peste, de Lupe Gómez

  1. Que ben describes esas “Sílabas da peste”. Espero que un día o poida ter nas miñas mans para poder mergullarme nel como ti o fixeches, querido Fidel.
    Nótase que esa novela TRAE = ARTE.

    Castos biquiños palmeiráns.

    1. Grazas pola atención, querida Magdalena, e por estares atenta á obra de Lupe Gómez, qie sempre nos sorprende coa súa escrita con ARTE do seu TEAR.
      Bicos para o Brañal e a levarse ben cos do Eitón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *