Fragua íntima

317xpeBWCnLX. Ricardo Losada. Mentres tomo un vermú na terraza da praza da Igrexa en Rianxo, aparece de súbito Pascual, un bo amigo. Dáme un libro, e dime: Compreino o outro día nunha librería de vello en Madrid. Non o coñecía. É A fragua íntima de Rafael Dieste, un libro no que Arturo Casas reúne os aforismos que o autor rianxeiro escribiu entre 1926 e 1975. Non llo digo a Pascual (non todo o mundo goza con este tipo de coincidencias), pero o primeiro que penso é que aquela praza chámase oficialmente praza de Rafael Dieste. E non podo evitar desviar a vista un pouco á esquerda do corpo de Pascual e albiscar a casa na que naceu, viviu e morreu o autor rianxeiro.

Había tempo que non lía os seus aforismos e temín, por se me decepcionaba, volver abordalos. A miña sensibilidade lectora cambiou moito. Agora son máis lector de narrativa que de ensaio, e selecciono moito as lecturas estritamente filosóficas. Así que tardei uns días en pórme a ler o libro. E, efectivamente, os meus temores confirmáronse co primeiro texto, Alas que se nos dan con la palabra, no que Dieste escribe doce páxinas con ese estilo entre filosófico e poético, moi na liña de María Zambrano, que sempre me deu a impresión dun certo exhibicionismo formal. Por exemplo: Pero el poeta sigue queriendo decir lo que no se pudo, a consecuencia de lo cual se acrecientan los poderes y, sobre todo, se desatan las fuentes; sigue queriendo dar nacimiento a las palabras heredadas para sentirse nacer de ellas (eso, lo uno y lo otro, es heredarlas) y no como resucitador, sino como viviente, con esa profunda naturalidad del querer decir, y que, creando, pone a la vez de manifiesto la inmediata actualidad de lo creado, de lo que visto sólo a la luz del uso suele llamarse producido.

Gústanme as frases fermosas, por suposto, pero non me gusta, nun filósofo ou nun ensaísta, a sensación de que, máis que comunicarse comigo, está intentando escribir bonito. Supoño, xa digo, que será defecto da miña sensibilidade, pero non podo evitar ler textos desa índole sen pensar que o autor, máis que conversar comigo camiñando, como me gustan a min que sexan os ensaios filosóficos (Platón, Montaigne, Nietzsche, por exemplo), está esixíndome que o admire sentado calado e abraiado mentres el se move nunha pasarela de moda filosófica. Como di o propio Dieste nun aforismo posterior: Non deformar o que se ten que dicir, na teima de se faguer ouvir. Exacto. Ese é o erro no que cae Dieste, ao meu entender, no citado texto.

Unha decepción, si, pero unha decepción momentánea.

Agás ese texto inicial, o resto do libro incluso superou as miñas expectativas. As intelixencias conceptual, ética e estética de Dieste (unha única intelixencia, como ben sabe calquera persoa intelixente) móstranse vivísimas neste libro. Pensamentos profundos, capacidade de equilibrar os paradoxos e as antíteses sen que perdan o seu carácter ambiguo e explosivo, capacidade de extraer o fondo erótico, mesmo humorístico (acaso non son o mesmo?), dos conceptos e, como en calquera outro autor clásico, unha enorme vixencia na actualidade. E abordando todos os temas que o obsesionaron ao longo da súa vida:

Metaliteratura: O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas volvoretas, todas mergulladas na mesma luz. Ou: No existe el género aforismo. Existe el estado espíritu aforístico.

9788412313697Filosofía: Mas no basta que el “sí” permanezca oculto en el centro de un “no”. En la evidencia de tal “sí” radicaría una fraternidad máis firme y de eficacia menos pasajera.

Psicoloxía e Estilo (para el, como para o seu admirado Nietzsche, son o mesmo): Orixinalidade, finura e dureza… Orixinalidade, sí. Pero hay que remar a compás.

Autocoñecemento: Non se coidar bo por ser somente sentimental.

Galeguismo: Non convertir a galeguidade auténtica, a que xa non cabe no corpo, en simulacro de galeguidade.

Ética: Non faguer do dereito unha leira.

Política: Se che toca mandar, que sexa en homes.

Pacifismo: Despois… A nosa paz será tan digna como unha guerra santa.

Teoría da arte: El color está detrás del color. Hay que verlo a través del color. Ou: La luz puede pescar descuidada a la sombra, para mostrarla (iluminada) como sombra.

Espiritualidade: Santo: el que es capaz de contemplar humildemente su propia bondad. Ou: La gratitud perfecta es el único milagro que le es concedido hacer al hombre. Ou: Dios nos pierde en el tiempo. Está perdido de nosotros. Como nosotros de él. ¡Salvémosle! ¡Esa es la salvación eterna! Ou: La Paloma se fía de su mundo, y orientándose en él no se pierde en el nuestro.

Estética: Entrar en una cueva es despertarla. Hay que tener cuidado. Ou: ¿Cómo pintar el canto? Pintando el cántaro, el cantor, lleno del canto como un cántaro.

E, enmarcándoos todos, estoutro que, ao meu entender, revela a fragua máis íntima da alma de Dieste: Verdadero equilibrio: no consiste en tener en cuenta la diversidad de intereses, sino en sentirlos todos como propios. Eso es reinar.

E, efectivamente, Dieste reina neste libro contaxiándonos ese entusiasmo, como o de Platón, o de Montaigne ou o de Nietzsche, que é herdeiro voluntario das verdades, as bondades e as belezas que, sendo diversas, senten como propia a verdade, a bondade e a beleza universais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *