Seleccións temáticas de libros infantís e xuvenís

CUBERTAClorofilaPilar Sampedro. Neste afán por dar a coñecer seleccións bibliográficas ao redor dunha determinada temática, de forma que as familias, os centros educativos,as bibliotecas públicas e todas aquelas persoas interesadas nesta produción teñan acceso aos títulos máis representativos, GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Galego) pon á súa disposición unha nova Guía, neste caso, relacionada co medio ambiente. Clorofila en letra para curar o planeta é o seu título. Pártese da necesidade de que a rapazada se comprometa coa natureza, unha vez que se ten demostrado que os Estados e os seus Gobernos están máis interesados nas cuestións económicas e de mercado que en deixarlles o planeta nas mellores condicións. Tal como vimos ultimamente, unha nena, Greta Thunberg, puxo o cambio climático na axenda mundial, grazas a unha folga que comezou ela soa. Polo tanto, demóstrase que todos somos imprescindibles e que ningunha acción é inútil, que se ben son necesarios os movementos de masas tampouco están mal os individuais cando saen a defender o que importa.

Nesta guía, ademais de libros infantís e xuvenís, introducimos algún que nos parecía moi acaído e que ben podía ir dirixido a xoves adultos, a pais e nais ou ás bibliotecas a través das que acceder todo tipo de xente a eles. Libros sen destinatario definido.

Outro aspecto a resaltar é que parte destes produtos están descatalogados. Ademais de contar con pouco libro de coñecemento en galego, tivemos a mala sorte de que parte deles pertencían a unha editora que desapareceu ou están publicados por editoras en activo, pero a rapidez na que se move o mercado fai que desaparezan dos catálogos. Recollémolos, de todas formas, porque dá idea da riqueza (pouca ou moita) que houbo, pero tamén quedan á vista do mundo editorial por se nalgún caso cumprise retomalos e actualizalos.

Neste caso, as etiquetas fálannos de temáticas (De augas, De flora, De fauna, De RSU, De vertidos), nuns casos. Noutros, céntranse naqueles escritores e escritoras que sempre ou case sempre levan inscrita esa sensibilidade na meirande parte da súa produción, De autorías. De colección, recolle aquelas centradas nesta mirada ecoloxista. Forman parte do grupo De conciencia as obras que nos obrigan a reflexionar e tomar postura ante o problema ambiental. De coñecer e informarse acolle aqueles títulos que fan certa a aseveración de que para amar, primeiro hai que coñecer. As obras relacionadas coa tradición daquelas civilizacións respectuosas coa natureza aparecen baixo o epígrafe De lendas.

Tanto a esta guía como á anterior (Donas no espello da LIXG) pódese acceder a través da páxina de GALIX.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>