Invertido a calzonazos

H0f9f57af0dca403dbd5a1d09324c3d139Marina Losada Vicente. Acabo de coincidir co señor Avelino comprando bragas no mercado. Diante da súa inseguridade, fixo o pedido moi baixiño, e da distancia física que garda co xénero, como non querendo tocar algo prohibido, a miña cabeza lévame a pensar que a súa muller está impedida dalgunha maneira.

Sería meu pai capaz de facer o mesmo? Moito tería que ser! Aínda que non quere saber nada da Internet, antes pediría facer un curso acelerado para aprender a comprar na distancia, que ter que pasar o apuro de mercar roupa interior -aínda a propia-, en público.

De verse abocado a tal situación, meu pai iría a un sitio onde ninguén soubera del. Mais eu coñezo dabondo o home que está á miña beira. En idade, por aí andan. Os fillos insistimos sempre en que deixen a casa, que se veñan con nós, que vaian a un centro de día, a unha residencia… que se deixen coidar. Eles teiman en quedar no niño, o un coa outra, como acabados de parir. Xuntos. Sos. Por iso agora papá fai a cama, lava a louza das doce… por iso trata de ser outro home, ese do que renegou sempre, un calzonazos. Facernos ver que se vale, si, pero de portas para dentro. Entón, poñéndome de novo no pelexo de meu pai, o señor Avelino tivo que vir comprar in extremis, outra non se explica. Definitivamente, a muller púxose mal de repente e como el non se debe entender coa lavadora…

Aparco os meus pensamentos e doulle un suxeitador á vendedora para que mo cobre. A muller, mira ao señor Avelino e pregúntalle: Se o que quere son bragas sexys, non as brancas de algodón de toda a vida que merca a súa muller, non debería tamén levarlle un suxeitador a xogo como este?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *