Gardiáns do templo

choivaCarlos Mosteiro. A literatura galega hoxe é sesudísima, tómase a si mesma terriblemente en serio, todo ten que ser trascendente e definitivo…Cada libro que se publica ten que ser a grande novela galega”. Son palabras de Pedro Feijoo nunha entrevista concedida ao Diario de Pontevedra (30-10-15, pxs.12,13). E logo segue disparando xa por elevación: “A cultura non é da Real Academia Galega nin da Fundación Rosalía de Castro, a cultura é nosa. Temos que poder tocala, apalpala, sobala, porque é forte e non vai romper”. Ben. Discutible o de que é forte e non vai romper. Pero máis alá desa declaración optimista, non creo realmente  que Pedro Feijoo quixera facer un canto á mediocridade ao dicir  que as escritoras e escritores galegos non deban tomarse en serio a si mesmos. Máis ben se referirá, penso, espero, a que entre a alta literatura e a literatura lixo hai un gran espazo intermedio, un terreo de xogo, no que os autores e autoras que non están dotados de voz poderosa e orixinal pero si digna, poidan xogar o seu partido e deixar a súa pegada; supoño que o que quere dicir é que hai vida máis alá da literatura de autor, mesmo literatura boa, ou polo menos asumible, digna de saúdo; que a evasión non presupón ausencia de elevación, e que nestes momentos escritores e escritoras galegas están a loitar contra a páxina en branco para dar ás súas obras unha dignidade que quizais non lles dea para xogar nas grandes ligas, pero que rexeitan e transcenden a clasificación se subproduto.

CRZ CLO logo 1 maqueta SOMBRA:aei            Nos sistemas culturais fortes apenas existen estes debates. Asúmese con naturalidade que a literatura grande convive coa mediana e a pequena, que mesmo se necesitan para formar o criterio lector, porque o bo dente literario tamén se forma por comparación. Thomas Mann e Ruíz Zafón poden que non estean no mesmo andel, pero poden estar na mesma biblioteca. Un lector, mesmo un gran lector, ten  necesidades diversas. Hai momentos para a cadeira de orellas e a manta nos xeonllos, para as profundidades e a literatura ambiciosa; pero un tamén vai á praia e quere levar na mochila algo de lixeireza.

Houbo un tempo crente e candoroso no que pensabamos que o asunto  da ampliación da base de lectores estaba en relación coa nosa capacidade de xerar obras de nivel, ou sexa, competir por calidade. Pobriños! A realidade e Amazón veunos recordar que o mercado se rexe pola capacidade de penetración (con perdón), e somos un pequeno país, periferia de periferia en realidade. Nos sistemas febles hai que andar con ollo, hai un continuo perigo de que todo se veña abaixo. Isto provoca, de xeito máis ou menos xustificado, a proliferación dunha “caste sacerdotal” controladora, que se erixe en forza protectora do castelo, que pretende actuar de feito como un ente censor e administrador da información. O mestre Solano é moito máis ca unha autoridade da materia. Trátase dunha especie de “gardián do templo”, “o mestre das chaves”, ou algo así. Se a memoria do noso pobo ten un porteiro ese é el. Se lestes A memoria da choiva seguro que non se vos pasou por alto estas palabras do capítulo 16. Son os encargados de controlar todo o que rebule perigosamente nos arredores do mito. Esta actividade coutadora, xa no caso concreto de Rosalía, ten como iniciador ao propio Murguía, privándonos quizais para sempre dunha información preciosa e construíndo sobre a poeta un muro de sobreprotección que impediu todo acceso á cámara do tesouro. a damaComo adoita ocorrer, o exceso de control acabou en autocensura. Durante moito tempo case ninguén se atreveu a poñer a man da ficción sobre o mito fundacional. Territorio sagrado. Intocable. Curiosamente, de súpeto e contra todo prognóstico, case o mesmo tempo, dous autores atrévense a profanar o santuario; un, Pedro Feijóo cun thriller rosaliano, para nada exento de crítica, na mellor tradición da literatura popular, de masas ou como se lle queira chamar, un deses libros que pretenden (e o conseguen) amarrarte ao asento. Por outro lado está Xavier Seoane (A dama da noite) que ten a ousadía de poñerse na voz de Rosalía, e inda por riba saír moi ben parado do atrevemento, cando o normal sería esnafrarse. Neste último caso os gardiáns non  perdoaron o sacrílego. As críticas caeron excesivas, sobreactuadas e inxustas por entrar no templo sen quitar a gorra. Rosalía seguro que o está a celebrar, xa debe estar esgotada de tanto amor exclusivo e tanta procesión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *