Gonzalo Trasbach. Moi apreciado Xerardo. Cando publicaches o comentario sobre a película Difret, de Zeresenay Mehari, que, segundo informabas, está baseada en feitos reais, pregunteiche se ese dato era un valor engadido sobre a cinta, é dicir: se a facía mellor. Con tal motivo, indiqueiche que tiña unha teima co sempre recorrente “baseado en feitos reais” da crítica máis especializada de cine dende que mirase El expreso de medianoche, película que causou un enorme impacto na súa época e que aínda moita xente lembra cando fala ou oe falar de Turquía. Pese a todos os feitos reais dos que fai gala, eu sigo dicindo o mesmo desde aquela data: é un filme racista e maniqueísta. Pero quería explicarche un pouco porque cho dixen e digo isto.
Vexamos. No filme de Alan Parker do 1978, o bo é o mozo norteamericano detido no aeroporto de Istambul con varios paquetes de haxix. Pouco despois é condenado a cinco anos de cadea. E, por máis que o autor do guión sexa o “progresista” Oliver Stone, o malo é todo o pobo turco, pois é o que queda “retratado” na película. O mesmo suxeito paciente da condena, un Billy Hayes que na pantalla encarnou Brad Davis, e que é tamén o autor do libro no que se inspira a cinta, recoñeceu no 2007, cando viaxou a Istambul para participar nunha conferencia sobre Democracia, que tanto o seu libro coma o traballo de Parker tiñan proxectado unha idea deplorable sobre Turquía, onde estivo dende 1970 ata 1975, encerrado baixo un sistema penal brutal e inhumano.
Alan Parker pasa descaradamente de definir o marco político e social no que se desenvolve a acción do seu relato. En vez de facelo, busca sobre todo cegar os expectores occidentais, aos que lles nega tamén unha mínima referencia da situación turca no contexto internacional. Deste xeito, os turcos quedan radiografados coma seres perversos, crueis e malvados. O seu mensaxe dinos: tende coidado, aí fóra só habitan animais primitivos e sanguinarios. Non vaidades aló. Parker non fai unha referencia á actitude do réxime político local, implacable cos seus opositores, nin tampouco a máis mínima alusión aos presos políticos que no mesmo período de tempo están recibindo peor tratamento que o mozo estadounidense.
Chega con só recordar o aspecto sinistro do todo poderoso policía que o detén, e xa estamos do lado do detido. O que Parker deixa á marxe, e nada me fai pensar que non fose de modo intencionado, son outros feitos reais: Truman en 1947 declarou o interese estratéxico de Turquía, algo que xa desempeñara durante séculos. Tamén o fixeran Gran Bretaña e Francia logo da Primeira Guerra Mundial. A intervención norteamericana na política turca foi constante dende aquela. Por iso non resulta crible o fracaso das relacións diplomáticas para liberar o norteamericano. Ninguén na Turquía daqueles tempos (1978) tiña dúbidas da intervención da CIA en todos os plans desestabilizadores que padeceu a nación otomá. Basta só lembrar que Bülent Ecevit (1925-2006), político reformista moderado, foi encadeado o 12 de setembro do 1980 tras un golpe militar por tan só intentar aplicar algunhas das promesas do movemento independentista dirixido por Atatürk (1881-1938). Entón, regresaron os torturadores, formados en territorio estadounidense, a traballar nas prisións.
Reflicte de xeito maxistral o filme o sufrimento e a angustia do mozo norteamericano, o cal nos conmoveu a todos. Mais deixa no limbo dos inxustos a dor da poboación turca, á cal, ademais, estigmatiza de xeito inequívoco, dor que padeceu baixo un réxime desapiadado e implacable. Naquela época, debido á violencia política e a masacre que se rexistrou en Maras, Ecevit declarou (por enésima vez) a lei marcial en trece provincias. Na película os padecementos dos turcos, dos que fala o poeta Nazim Kimet, trece anos privado de liberdade, nada de nada. Nese momento histórico as vilas estaban dominadas polos “aghas”, os deshonestos funcionarios gobernamentais que ao mesmo tempo son os propietarios das terras. No 1977, cando aínda non se fixera unha efectiva reforma agraria, a renda anual por cápita era de entre 10 e 20 libras esterlinas. No momento de facer a película, o 40% da poboación de Istambul vivía en suburbios e chabolas invisibles no centro da cidade. Nestes suburbios, insalubres e desesperados, habitaban unhas 25.000 ou máis persoas. Ademais eran lugares de sobreexplotación polo seu custo elevado.
Tampouco Alan Paker dedica un segundo á auga de rosas e esencia de limón que as mulleres levaban os prisioneiros políticos daqueles días tan tristes e escuros. Cordiais saúdos.
>
Moitas grazas Xerardo pola túa xenerosidade. Apertas.
Admirado Trasbach, as túas reflexións neste e outros CafeBarbantia sempre me parecen moi atinadas e, sobre todo, tan sinceras como contundentes. Algo que non sempre facemos todos, talvez porque estamos condicionados polo políticamente correcto. Pola miña parte, parabéns. Xerardo