Leonard Cohen di adeus cun disco excelente

leonard1Gonzalo Trasbach. I’m ready my Lord. Así di Leonard Cohen (Canadá, 21 de setembro, 1934) na canción que abre “You Want It Darker”, o décimo cuarto álbum do cantante, escritor e poeta canadense, que recentemente acadou a moi honorábel idade de 82 anos. A principal novidade neste traballo do compositor da moi celebrada e aínda lembrada Suzanne é que soa a despedida, a un adeus definitivo tanto da actividade artística coma deste mundo cruel. Hai moi pouco tempo, o pasado 28 de xullo, con motivo do falecemento de Marianne Ihlen, un dos seus grandes amores, e ademais a muller que inmortalizou naquela inesquecíbel e inclasificábel So Long, Marianne, Cohen publicou unha carta que vén confirmar esta hipótese. Dicía isto:  “Ben, Marianne, temos chegado a este tempo no que somos tan vellos que os nosos corpos caen a cachos; penso que axiña te seguirei”.

Amigos e inimigos, queridos todos. Como anticipo dun envelenado pack sónico que vos pretendo regalar para escoitar (ou para tirar á papeleira) no Nadal, vouvos contar algunhas das cousas que me suxire este álbum, que semella ser o punto e final da carreira de Leonard Cohen. E, de feito, todo a punta nesa dirección. Mesmo parece un recoñecemento e o balance da súa longa, densa e intensa traxectoria artística e vital e, en consonancia con isto, e case imposíbel imaxinar un ata logo mellor concibido que esta colección de nove cancións contidas nun intervalo de 37 minutos.

cohenMusicalmente falando, o calendario deste ano arrincou co que moitos cualificaron coma unha xogada mestra: David Bowie anticipando a súa propia morte en “Blackstar” (pensando en facer caixa?). Pois ben, hainos que tamén resaltan que este “You Want It Darker” é un plan similar por parte do canadense para pechar o 2016. E con toda a razón pódese pensar iso, pois a obra é, con toda seguridade, unha das mellores do ano. O disco avanza coma un coro celestial e no seu repertorio hai continuas referencias a esa despedida deste mundo. Na liña de “Popular Problems” (2014) e do excelente “Old Ideas” (2012), e contando de novo coa colaboración de Patrick Leonard coma compositor (o seu fillo Adam é o produtor), no traballo, que respira recollemento e busca nostálxica de paz para a última viaxe, Cohen repasa a meirande parte das paisaxes estéticas que xa transitara ao longo da súa carreira: o característico apoio nas voces femininas, as pasaxes orquestrais, o ton crooner e mesmo o sabor ao folclore grego de Traveling Light.

Por se efectivamente é esta a derradeira travesía polo deserto do reino terreal, lembremos que Leonard Cohen gravou o seu primeiro LP en 1967, cando xa tiña 33 anos: “Songs Of Leonard Cohen”, un disco que na historia da música popular ten sido comparado co “Blonde On Blonde” de Bob Dylan e co “Sgt. Pepper’s” dos Beatles. cohen2Aínda que posteriormente editou outros álbums de moita categoría, pero que resultaron pouco recoñecidos e cun existo máis que discutíbel, Cohen non volveu saborear os meles do triunfo até 1988 cando cambiou a guitarra polo sintetizador en “I’m Your Man”. De súpeto, o poeta catastrofista (Everybody Knows), o libertario imposíbel (First We Take Manhattan) era o tipo máis cool do planeta.

Dende aquela até o de agora, polo medio houbo unha retirada nun convento budista, sufriu unha estafa e ficou na ruína económica e, coma consecuencia disto, a volta aos escenarios no 2008, logo dunha ausencia de 15 anos, para facer diñeiro. El sempre recoñeceu que se dedicou á música para facer cartos, porque coma escritor non os conseguía. E na vellez volveu á estrada. Seguramente lembrades o rotundo éxito que acadou no seu paso polo recinto vigués de Castrelos. É unha excelente despedida (se a é).

3 comentarios en “Leonard Cohen di adeus cun disco excelente

  1. Buenos y lluviosos días Gonzalo, la tienda de mi hija está en la calle Horreo, se llama ” Discos fans ” es la única tienda de discos que hay en Santiago, es pequeñita y la fachada está pintada de verde. Me encantaría que la conocieras.
    Unha aperta Gonzalo

  2. Apreciado Gonzalo: Hoy por la mañana al levantarme pensé en tí y en mi hija. Escuché en la radio la muerte de Leonard Cohen y al momento imaginé que hoy escribirías algo referente al protagonista de esa voz grave, de registro bajo, pero cálida y afectuosa. Mi hija es fan de Cohen, – tiene una pequeñita tienda de discos en Santiago- y recuerdo que me envió por Wassapp el discurso tan emotivo que pronunció cuando tan merecidamente le concedieron el Principe de Asturias. Decía que tenía una guitarra española que aún conservaba el olor a cedro, y relató también la triste historia del muchacho español que le enseñó a tocar la guitarra con aquellos seis acordes. Yo no entiendo de música como tú ni como mi hija pero, cuando algo es bueno se palpa, a mí también me gustaba Leonard. Descanse en paz.
    Buen artículo.
    Unha aperta Gonzalo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *